O Comité de Albada e as centrais sindicais conseguen anular o ERTE presentado pola dirección da empresa

A Consellaría de Traballo arquiva o expediente ao non acreditarse a causa alegada e non darse os supostos legais
O pasado 16 de setembro a Dirección de Albada presentou un Expediente de Regulación Temporal de Emprego, que o Comité de Empresa entendía que era ilegal e fraudulento, ao ser inexistentes as causas alegadas pola empresa. Ademais, dende o primeiro momento a representación do persoal denunciou que a única razón deste ERTE “era coaccionar e reprimir aos traballadores/as por estar en folga desde o 28 de xullo”.
29/10/13.

A formulación deste ERTE levara consigo tamén á presentación, por parte do Comité de Empresa e as Centrais Sindicais CIG, UGT e CCOO, dunha demanda por tutela de dereitos ao estarse atentando contra a liberdade sindical e o dereito de folga.

O pasado venres, a Delegación da Coruña da Consellaría de Traballo e Benestar comunicou ao Comité de empresa que arquiva a Regulación de Emprego decidida pola Dirección, ao non estar acreditada a causa alegada por Albada, e porque non se dan os supostos do artigo 47 do Estatuto dos Traballadores/as para que proceda á suspensión dos contratos de 61 empregados do cadro de persoal.

Polo tanto, confirmase as razóns denunciadas polo Comité de Empresa e as Centrais Sindicais e, de novo, “ratifícanse as intransixentes e radicais posturas da Dirección de Albada neste conflito, que cada día demostra máis a súa nula vontade de querer resolver esta negociación ao estar en conflito co Concello da Coruña e co Consorcio das Mariñas”, denuncian.

Consulta nesta ligazón todas as novas anteriores sobre este conflito.