O comité de Prosenorsa denuncia persecución sindical e acoso laboral a dous empregados

Adiantan a posibilidade de convocar mobilizacións tras seren trasladados de centro de traballo
O comité de empresa de Prosenorsa da Coruña (nove delegados da CIG, dous da UGT, un de CCOO e un da USO) denuncia persecución sindical e acoso laboral a dous empregados -membros do comité en representación da UGT- por parte da dirección e adiantan a posibilidade de convocar protestas tras seren trasladados de traballo a petición do director de Seguridade de Gadisa.
29/10/13.

Os representantes dos traballadores/as explican que o conflito xorde cando o director de Seguridade de Gadisa coloca no servizo de Unemsa a unha vixilante, asumindo tamén a xefatura do mesmo. “Ao pouco tempo os compañeiros afectados comezan a sentirse agraviados por diversos motivos e solicitan un cuadrante anual e equitativo tal e como corresponde”, indican.

Pero a resposta que reciben por parte do responsábel de Seguridade de Gadisa é que non os quere no servizo e diríxese á empresa para que os cambie de centro de traballo, no que levan desenvolvendo o seu labor máis de 10 anos. “E a dirección de Prosenorsa, en lugar de defender os seus empregados/as, báixase os pantalóns e comunícalles o cambio aos dous compañeiros” apuntan nun comunicado.

Diante disto, manifestan o “total desacordo” coa decisión e amosan o seu “apoio incondicional” aos afectados, ao tempo que anuncian que apoiarán e acudirán a todas as mobilizacións “que crean oportunas levar a cabo para defender os seus dereitos”.

Finalmente, reclámanlle a Prosenorsa e ao seu cliente Gadisa que rectifiquen e reparen a inxustiza cometida cos dous empregados e lémbranlle ao director de Seguridade da compañía de alimentación que “se documente e se decate que existen certos dereitos para os traballadores/as e unha normativa laboral, pois estamos no século XXI e non na Idade Media; de paso lembrámoslle que existe unha Lei de Seguridade Privada e un regulamento e non pode facer o que lle dea a gaña”.