O Comité de Albada denuncia a falta absoluta de vontade da empresa para solucionar o conflito

A representación dos traballadores/as vai solicitar a arbitraxe e suspendería a folga se a emprese acepta someterse á mesma
A acta final da mediación remitida hoxe polo AGA e que supón o remate do proceso de mediación no conflito de Albada (aberto á instancias do Comité), vén confirmar a nula vontade da empresa para chegar a unha solución, tras máis de tres meses de folga na planta de Nostián e innumerábeis reunións.
30/10/13.

A proba desta falta absoluta de vontade e da súa intransixente actitude, denuncia o Comité, radica no duplo rexeitamento que fai a empresa ás dúas solucións abordadas no marco da mediación (a respecto do convenio colectivo e a readmisión dos traballadores/as despedidos/as). Por unha banda, a dirección de Albada negouse a someterse á mediación vinculante solicitada hai unhas semanas polo Comité, co obxectivo de resolver o conflito coa maior axilidade.

Doutra banda, a empresa tampouco aceptou a proposta efectuada pola mediadora na xuntanza do pasado 24 de outubro e que si foi asumida pola parte social, a pesares das condicións menos favorábeis que contiña (aumento da xornada semanal, recorte nos complementos salariais, etc.). 

De feito, a representación dos traballadores/as manifestou por escrito a súa vontade de aceptar a proposta (achegando unhas concrecións que trasladou á mediadora), mentres que pola parte empresarial tan só se comunicou de xeito verbal a non conformidade coa proposición sen intentar buscar puntos de encontro.

Á vista do bloqueo absoluto por parte de Albada que impide unha saída negociada ao conflito, o Comité, como xa tiña anunciado, vai proceder á maior brevidade a solicitar a arbitraxe. Así mesmo, o Comité está disposto a suspender a folga iniciada o pasado 28 de xullo, se a empresa consinte en someterse a dita arbitraxe.

Dende o Comité e as centrais sindicais CIG, UGT e CCOO lémbrase unha vez máis que se o conflito en Nostián continúa é porque a empresa así o quere. Non cómpre esquecer que a parte social entregou unha proposta de viabilidade o pasado 7 de agosto que a empresa nin sequera avaliou e que podería ter significado a fin do conflito. Non obstante, a única resposta ofrecida pola dirección a este plan foi recuar na súa proposta de recortes e presentar un ERTE fraudulento para coaccionar e reprimir aos traballadores/as en folga, que a Consellaría de Traballo arquivou por falta de motivación.

"O remate da mediación vén confirmar as denuncias do Comité e as centrais sindicais a respecto de que Albada non quere resolver o conflito para seguir así utilizando o conxunto dos traballadores/as e a cidadanía como reféns nas negociacións económicas que mantén co Concello da Coruña e o Consorcio das Mariñas", subliñan.

Consulta nesta ligazón todas as novas anteriores sobre este conflito.