Os traballadores de seguridade de Turgalicia utilizan velas polas noites porque carecen até de electricidade

Teñen que levantar a barreira de seguridade para o acceso dos vehículos manualmente
Traballadores de Vinsa Alentis, empresa concesionaria da seguridade privada de Turgalicia, na Barcia, denuncian a “falta total de medios” que padecen para desenvolver o seu traballo. Achacan as carencias aos recortes e demandan tanto da empresa como de Turgalicia que dea unha inmediata solución á súa precaria situación.
05/11/13.

Os traballadores de seguridade de Turgalicia que controlan o acceso de entrada ao recinto aseguran que non dispoñen de chalecos reflectantes para que poidan ser vistos e denuncian que non teñen a roupa axeitada. “Cando chove non temos nin traxe de augas, nin botas, nin sequera unha gorra”.

Considera que isto é grave pero interpretan que é peor aínda que lles instalaran unha caseta de xardín que non dispón nin de electricidade. “Temos que traballar cunha vela, porque ao non haber electricidade non temos luz e por iso tamén temos que subir e baixar a barreira de contención manualmente”.

A isto engaden que tampouco hai unha sinalización exterior informando de que hai unha barreira de control e que esta, aínda por riba, non está ubicada á distancia regulamentaria.

Explican que é a policía autonómica quen informa da “operativa” necesaria para garantir a seguridade do centro, neste caso Turgalicia, e que é este organismo quen fai a concesión á empresa. Logo esta, emite un informe no que se recollen os medios que se precisan para poder cumprir esa operativa. O que non saben é quen ten que pór os medios que reclaman, se a Xunta ou Vinsa Alentis.

Sexa de quen sexa a responsabilidade, o que teñen claro é que teñen que contar cos medios mínimos necesarios para poder desenvolver o seu traballo. E isto pasa por dispor de EPIS e, como pouco, con electricidade.