O Comité denuncia a nula vontade negociadora de Albada e os argumentos absurdos contra a arbitraxe

A representación do persoal acusa a empresa de pretender manter o conflito aberto indefinida e artificialmente
O Comité da planta de Nostián criticou publicamente o rexeitamento por parte de Albada da petición de arbitraxe, asegurando que esta nova negativa vén confirmar “que a empresa pretende manter o conflito aberto indefinidamente, recorrendo a argumentos e razóns absurdas e falsas”.
07/11/13.

Para o Comité, con esta resposta, a empresa, ademais, pon en cuestión a propia legalidade do AGA e do Consello Galego de Relacións Laborais, xa que para xustificarse Albada asegura que, segundo os seus informes xurídicos, a arbitraxe non neste caso non sería legal. A este respecto, cómpre destacar que dende o AGA se admitiu a trámite e se deu conformidade á petición feita polos traballadores/as, confirmando deste xeito a legalidade da arbitraxe, “fronte a tremoia que agora pretende utilizar a empresa para xustificar a súa negativa a someterse a dita arbitraxe”.

Hai que lembrar que a empresa se negou a asumir a mediación vinculante solicitada polo Comité, rexeitou tamén a proposta da mediadora e agora tampouco está disposta a someterse a arbitraxe. “Esta actitude confirma que todo o relativo aos despedimentos forma parte  dun conflito artificial montado por Albada, que quere utilizar aos despedidos e despedidas como moeda de cambio para aplicar durísimos recortes”, denuncia o Presidente do Comité.

Para a representación social, esta nova resposta negativa ratifica as denuncias feitas dende o Comité a respecto de que as intencións reais de Albada pasan por cambiar o modelo de planta actual de tratamento para converter Nostián nunha planta de transferencia.

En canto á convocatoria de reunión que a empresa fai para o día 12 de novembro, o Comité entende que é “unha proba máis das artimañas da dirección para aparentar que ten vontade de negociar e manter así o conflito no tempo, sobre todo tendo en conta que non se conseguiu un achegamento durante todo o tempo que durou a mediación e que Albada vén de rexeitar a arbitraxe”.

Consulta nesta ligazón todas as novas anteriores sobre este conflito.