Tras 108 días en folga, o persoal de Albada consegue un novo convenio e a readmisión dos despedidos

A asemblea de aprobaba na noite do mércores o preacordo acadado entre Comité e empresa, pondo fin á folga en Nostián
Logo de 108 días en folga, a exemplar loita dos traballadores/as de Albada achegaba os seus primeiros froitos ao conseguirse na madrugada do martes un principio de acordo para o convenio colectivo e a readmisión do persoal despedido. Preacordo que foi referendado sen votos en contra na asemblea de traballadores/as celebrada na noite do mércores e que pon fin a máis de tres meses de folga.
14/11/13.

Aínda que o convenio non recolle todas as demandas do persoal, dende o Comité  (onde a CIG ten a maioría da representación, 5 de 9 membros) valorouse de xeito moi positivo, por canto supón un grandísimo avance nas agresivas posturas e nos recortes laborais e salariais pretendidos pola dirección dende o inicio do conflito. Ademais, este acordo garante a readmisión dos oito compañeiros/as despedidos/as ao inicio das negociacións, e que a empresa estaba a utilizar como reféns.

O Presidente do Comité, Xosé Manuel Vilariño, manifestou a satisfacción que existe entre o persoal por conseguir a reincorporación dos compañeiros/as despedidos/as -que era unha das premisas para a sinatura de calquera acordo coa empresa-  e por lograr compromisos de garantía de mantemento do emprego, cando mesmos, até o remate do novo convenio (31-12-14). Así mesmo, explicou, o texto recolle a ultraactividade no tocante ás retribucións, polo tanto quedan garantidas as cuestións salariais até a sinatura dun novo convenio; mentres que e para o resto do articulado estabelecese a vixencia un ano por enriba do que marca a lei.

Sobre outros aspectos, Vilariño referiuse ao incremento da xornada semanal, que pasa das 38.5 ás 40 horas (cun descanso de 20 minutos, remunerado, para o bocadillo), e á caída relativa dos salarios por mor de recortes nalgúns pluses. En todo caso, matizou, será unha rebaixa moi lonxe  do recorte salarial do 25% que buscaba impor a empresa.

“En conxunto, a nosa valoración é moi positiva, á vista da brutalidade das pretensións que tiña a empresa nos recortes salariais e laborais, e que estivo mantendo case até o final do conflito”, sinalou.

Non cómpre esquecer que este achegamento conséguese tres dunha folga indefinida na planta de Nostián iniciada o pasado 28 de xullo; dúas xornadas de folga no sector de limpeza da comarca da Coruña; logo de infrutuosas reunións no marco da mediación do AGA (solicitado pola parte social); tras da negativa da empresa a aceptar a proposta vinculante pedida polo Comité e a proposta presentada pola mediadora; e despois de que Albada rexeitara someterse á arbitraxe.

Para o Presidente do Comité de Albada, a principal lección que se tira do enorme esforzo realizado polo conxunto dos traballadores e traballadoras resúmese nunha sinxela frase: “queda demostrado que se hai unión e hai forza as cousas conséguense”.