Denuncian a hipocrisía de COGAMI por falar de “Ética e Empresa” mentres despide a persoal

Naveiro lamenta que á empresa non lle importe a situación das traballadoras/es despedidos, en risco de exclusión social
A CIG-Servizos de Compostela concentrouse esta mañá diante das CABES (Casa das Asociacións de Benestar Social) coincidindo coa celebración dunhas xornadas organizadas, entre outros, por COGAMI baixo o título “Ética e Empresa”. Carminha Naveiro de CIG-Servizos denuncia “a dobre moral de COGAMI porque mentres despide a traballadoras/es en REGAKI (Rede Galega de Kioscos) ousa celebrar xornadas para dar leccións de ética e integración social”.
19/11/13.

Naveiro asegura que até tal punto chega a dobre moral de COGAMI, que entre as ponencias, hai unha titulada “Boa práctica organizacional – Modelo de RS Cogami con empresas” ou outra baixo o título “A ética dos negocios. Cara un novo concepto de empresa”.

A representante de CIG-Servizos que estivo no acto de apertura das xornadas, fixo extensiva a súa denuncia de dobre moral á propia conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, que puxo a COGAMI como modelo de ética e responsabilidade social, louvando o novo modelo de empresa que hoxe presentaba.

Naveiro lembra que Rede Galega de Kioscos pertence ao grupo GES (Galega de Economía Social), participada, entre outros por Corporación Novagalicia Banco, Xunta e Igape, a través dos fondos de capital risco Xesgalicia, e especifica que GES é á súa vez un dos socios de COGAMI e está especializado na integración laboral de persoas con discapacidade.

“Rede Galega de Kioscos - Cogami percibe como proxecto de integración sociolaboral, axudas públicas de todo tipo: subvencións, participación pública no seu capital, cesións municipais, descontos nas cotizacións e impostos...” afirma Carminha Naveiro quen asegura que a enorme ventaxa competitiva de Rede Galega de Kioscos-COGAMI xustifícase precisamente no labor de integración que realiza a empresa, é dicir, en última instancia nas súas/seus traballadoras/es.

Porén, denuncia que desde hai anos, as traballadoras/es “acoden aos sindicatos para buscar apoio fronte ao abuso das actuacións da empresa en materia laboral” e que Rede Galega de Kisoscos-COGAMI, desde o mes de agosto despediu a 29 traballadoras/es en toda Galiza, facéndoo con “prácticas de dubidosa legalidade, coaccionando aos traballadores/as para que aceptaran os despedimentos e ameazándoos con denuncias por roubo ou con peches dos seus quioscos noutros casos”.

Naveiro lamenta que non lle importe a COGAMI que as traballadoras e traballadores despedidos estean en risco de exclusión social, nin a situación á que quedan abocados con ese despido.

A representante da CIG-Servizos lembra que no mes de outubro “mantivemos unha reunión con membros da dirección de REGAKI-COGAMI para lles exixir a inmediata readmisión dos/as traballadores/as despedidos/as, sen que a día de hoxe teñamos recibido contestación pola súa parte”.