Paralizada área de servizo de MEDAS na AP-9 en demanda da readmisión dun traballador despedido

Denuncia que o despedimento pretende amedrentar o resto do persoal para aceptar os cambios nas condicións laborais sen protestar
A área de servizo da AP-9 á altura de Luou (Teo) estivo paralizada por mor da folga convocada pola CIG-Servizos entre as 14:00 e as 16:00 horas. A empresa MEDAS despediu hai aproximadamente 15 días a un traballador alegando causas económicas. Porén, a CIG-Servizos denuncia que se trata dun despedimento que ten como obxectivo amedrentar ao conxunto do persoal para que acepte, sen cuestionalos, os cambios das condicións laborais que a empresa MEDAS pretende impor.
05/12/13.

Esta empresa xa intentou, hai máis de un ano, conxelar salarios e impedir os ascensos de categoría profesional o que, segundo explica Roberto Alonso, secretario comarcal da CIG-Servizos de Compostela, foi rexeitado pola delegada sindical no seu momento. Agora a empresa ten a pretensión de facer modificacións de horarios na busca de incrementar os seus beneficios económicos.

A CIG-Servizos reclama a inmediata readmisión do traballador e anuncia que lle dará continuidade no tempo ás mobilizacións de non se solucionar esta situación.