A CIG denuncia atrasos continuados no cobro de salarios na limpeza dos colexios públicos de Ourense

CIG-Servizos recláma aos responsábeis municipais que esixan á adxudicataria Linorsa o cumprimento das condicións do contrato
A federación de Servizos da CIG vén de denunciar publicamente que os empregados/as da limpeza dos colexios públicos de Ourense están a sufrir atrasos continuados no cobro de salarios e reclámalle aos responsábeis municipais que lle esixan a Limpiezas del Noroeste (Linorsa), adxudicataria do servizo, o cumprimento das condicións do contrato.
10/12/13.

Dende a CIG-Servizos de Ourense indican que a empresa leva varios meses abonando as nóminas con considerábel atraso, “o que provoca graves prexuízos ao cadro de persoal por mor das penalizacións que soportan ao non poder facerlle fronte nos prazos estipulados ás débedas contraidas principalmente cos bancos”.

Neste senso, lembran que as demoras no cobro de salarios “teñen unha gravidade engadida” tendo en conta que a maior parte dos traballadores/as afectados/as desenvolven desenvolven a súa labor a tempo parcial. Finalmente, reclámanlle aos responsábeis municipais que lle esixan á compañía o cumprimento das condicións da adxudicación.