Folga en Lavandarías, Tintorerías e Pranchado da Coruña ao rematar a vixencia do convenio

O persoal queda sen máis marco legal laboral que o Estatuto de Traballadores/as e as empresas poderían impor o salario mínimo
CIG, CCOO e UGT anunciaron esta mañá, en rolda de prensa, a convocatoria de folga e mobilizacións no sector de Lavandarías, Tintorerías e Pranchado de Roupa da provincia da Coruña os días 26 e 27 de decembro e 2 e 3 de xaneiro. Serán paros parciais, de 8 da mañá a 13:00 horas e de 19:20 ás 21:20 horas, pola ruptura das negociacións do convenio colectivo, o que provocou que decaera, ao pasar o ano de ultraactividade, deixando ao persoal do sector sen máis marco legal que o básico contemplado no Estatuto de Traballadores/as. As primeiras concentracións serán este venres, ás 12:00 diante da Rosaleda (Santiago) e o Hospital Quirón (A Coruña).
17/12/13.

Roberto Alonso, secretario comarcal da CIG-Compostela denunciou que esta situación é consecuencia da reforma laboral e alertou de que agora as empresas do sector poderían deixar de aplicar o convenio colectivo. “Non sabemos moi ben que van facer, aínda que din que poderían desde aplicar o Estatuto de Traballadores/as e salario mínimo, até proceder a introducir modifiacións substanciais nas condicións de traballo”.

Alonso advirte de que é unha barbaridade aplicar neste sector o salario mínimo, porque xa de por si os salarios son moi baixos. “Non chegan a 700€ e iso suporía unha rebaixa de 100€”, apunta, advertindo de que as empresas o que pretenden é eliminar o plus de antigüidade, o plus de actividade industrial para aquelas empresas de máis de 27 traballadores, o plus de asistencia de traballo, que anda entre 40 e 50 €, e o tempo de descanso como tempo de traballo efectivo, o que daría lugar a un incremento da xornada anual, entre outras cousas. “Isto suporía unha baixada salarial de entre 200 e 300 euros”, denuncia o secretario comarcal da CIG de Compostela.

As tres centrais sindicais acordaron, por unanimidade e xunto coa asemblea de traballadres/as do sector convocar folga e tamén as concentracións do vindeiro venres. Ademais anuncian que centrarán a súa atención e seguimento nas xornadas de folga nas empresas máis grandes do sector: Indusal e Fundosa Lavandarías Industrias, do Grupo Once, das que participaron delegados/as na rolda de prensa.

A respecto desta última Alonso lembrou que pertence ao grupo ONCE, “unha empresa fortemente subvencionada na que traballa persoal con discapacidades e cremos que o que están buscando, alén de facer competencia desleal no sector é incrementar os seus beneficios a costa destes traballadores/as e xa nos parece indignante rebaixarlles os salarios”.