Persoal de VINSA concéntrase na Xunta para denunciar a modificación das condicións de traballo

Denuncian a actuación “caciquil” da UGT por chegar ao acordo coa empresa “para beneficiar aos seus afiliados e afiliadas”
Traballadores e traballadoras da empresa Vinsa Alentis, do Grupo Once, concesionaria da seguridade privada da Xunta de Galiza, concentráronse este xoves diante da entrada de acceso ao edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano, para denunciar a situación laboral na que se atopan tras seren modificadas de forma substancial as súas condicións de traballo por acordo da empresa coa UGT.
19/12/13.

A CIG-Servizos, que xa presentou unha demanda perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza por conflito colectivo en VINSA, denuncia que o persoal ten que facer quendas que a propia Inspección cualifica como ilegais e que superan as 12 horas seguidas de traballo en turnos de noite; que non se respectan os descansos preceptivos; que coñecen os cuadrantes con 3 días de antelación e que este poden ser modificados até no mesmo día; que se están producindo traslados a centros de traballo doutras zonas xeográficas de Galiza e que, ademais, sofren -en moitos casos- unhas condicións laborais “extremadamente precarias”.

A empresa Vinsa, do Grupo Alentis (Corporación ONCE), leva como adxudicataria da seguridade privada da Xunta de Galiza 7 anos e emprega para isto a 150 traballadores/as. O último concurso convocouse en xuño de 2013 e levaba parello un recorte de quendas, ou o que é o mesmo, do número de horas de traballo contratadas. A adxudicación definitiva fíxose pública o día 30 de agosto e foi parar novamente a Vinsa, que ofreceu a maiores do contrato 16.000 horas anuais.

Segundo denuncia José Antonio Antas, delegado de persoal e representante da CIG en Vinsa, a empresa, so pretexto de garantir o emprego, presentou a proposta de modificar as condicións de traballo, que foi aceptada de inmediato pola UGT nun proceso de negociación que cualificou como “acordo exprés”.

Antas entende que a actuación da UGT foi “caciquil” porque aceptando os cambios introducidos nas condicións laborais do conxunto do persoal a quen se beneficiaba era ás súas afiliadas e afiliados na empresa. De feito cualifica toda a negociación de “simulacro”, porque no proceso se constatou que a UGT “coñecía de antemán o contido da proposta”.

Ante isto a CIG-Servizos acordou presentar unha demanda por conflito colectivo no TSXG “por mala fe ou dolo”, ademais das demandas particulares presentada por máis de 40 traballadores/as.

Precariedade laboral

A CIG-Servizos subliña que alén das modificacións xeralizadas das condicións laborais hai traballadores e traballadoras que padecen unha situación especialmente precaria. A modo de exemplo lembran que os/as gardas de seguridade de Turgalicia, na Barcia, están nunha caseta de xardín, sen luz eléctrica, teñen que levantar a man a barreira –ao careceren de electricidade- e non dispoñen sequera de chalecos reflectantes para poder ser vistos de noite.

E se esa situación é precaria aseguran que os hai que aínda están en peores condicións, sen aseos para facer as súas necesidades fisiolóxicas e obrigados a desprazarse ao bar máis próximo para poder usar os servizos.

O persoal de Vinsa denuncia tamén traslados a outros centros de traballo. “Pero non é porque non sexa preciso o persoal, porque logo envían a traballar ás instalacións das que son desprazados a xente nova”, explican.