CIG reclama protocolo de seguridade en temporais para a limpeza viaria e recollida do lixo de Vigo

A proposta da sección sindical de FCC contempla a creación dun retén que traballaría en colaboración cos bombeiros e a policía
A sección sindical da CIG en Fomento de Construcciones y Contratas (FCC), concesionaria do servizo de limpeza viaria e recollida de lixo do Concello de Vigo, reclámalle á dirección da empresa e ao Concello de Vigo a elaboración dun protocolo de seguridade en caso de temporal. Dende a central nacionalista denuncian que nos pasados días os traballadores/as tiveron que desenvolver o seu labor nas quendas de mañá, tarde e noite “con considerábel risco e con numerosas incidencias de perigo”.
26/12/13.

Dende a sección sindical da CIG en FCC explican que neste recente temporal “tratado inicial e equivocadamente como alerta laranxa” o cadro de persoal tivo que traballar con normalidade en todas as quendas fixadas -mañá, tarde e noite- “con considerábel risco e con numerosas incidencias de perigo que foron relatadas polos propios traballadores e traballadoras”. 

O feito de estar varrendo nas beirarrúas con constantes desprendementos, caídas de muros, paredes,chapas e diferentes obxectos que se precipitaban á rúa dende os balcóns das casas “supuxo un risco constante que denunciamos dende a CIG”. Tamén no servizo de recollida do lixo -que non foi interrompido- a maiores do risco referido, o volcado de contedores completamente cheos de lixo e con peso superior aos 800 quilos puido orixinar accidentes con consecuencias fatais na integridade física do persoal.

Diante disto, anuncian que lle esixirán a FCC e ao Concello de Vigo, responsábeis da execución do servizo e da saúde dos traballadores/as, que ante alertas declaradas laranxas ou vermellas se impoña un protocolo de seguridade que funcione cun retén en colaboración co servizo de bombeiros ou cos corpos de seguridade do Estado para casos de emerxencia, “pero que o servizo normal de recollida e limpeza quede suspendido mentres non se restableza a normalidade e non exista risco para vida do persoal”.

Finalmente, lembran que a propia Lei de Prevención outórgalle aos delegados/as de persoal e ao comité de empresa a capacidade de paralizar o traballo en circunstancias comprobadas de risco, “algo que faremos a partir de agora senón se adoptan as medidas que corresponden neste caso, de igual xeito que nos reservamos as actuacións penais no caso de omisión deste protocolo”, segundo indica Manuel Zabala, delegado da CIG en FCC.