Muerde la Pasta despide dous traballadores tras saber que concorrían pola CIG ás eleccións sindicais

Os afectados saíron elixidos delegados/as no estabelecemento que a cadea de restauración ten en Marineda City
A cadea de restaurantes Muerde la Pasta (con sede en Castellón e estabelecementos por todo o estado) despediu o pasado 10 de decembro a dous traballadores do centro situado en Marineda City (A Coruña), tan só dúas horas despois de coñecer que encabezaban a lista da CIG ás eleccións sindicais.
15/1/14.

Os dous empregados afectados foron os promotores do proceso de eleccións sindicais, o primeiro que se realizaba neste centro de traballo, no que até o momento non existía representación legal do persoal. Durante o proceso previo ás eleccións, denuncian os traballadores, a empresa dedicouse a presionar aos seus compañeiros e compañeiras e a realizar unha labor de desprestixio da CIG, co obxectivo de amedrentar aos traballadores e conseguir así que os seus candidatos non saísen elixidos.

Esta política de persecución acadou o seu punto máximo o día no que foi notificada oficialmente a lista da central nacionalista. Tan só dúas horas despois, a empresa comunicou ás dúas persoas que encabezan a candidatura o seu despedimento, mesmo recoñecendo a improcedencia da medida, e rescindindo de xeito inmediato a relación laboral.

A pesar das presións e das medidas represivas, o proceso electoral continuou adiante, rexistrando unha participación de case o 100% do persoal e resultando elixidos por unha ampla maioría tres delegados da CIG, entre eles os dous traballadores despedidos.

Demanda de nulidade

No acto de conciliación polos despedimentos no SMAC, a empresa negouse a readmitir os traballadores e tan só se amosou disposta a valorar algún tipo de pacto económico –mais só no caso de existiren diferenzas nas indemnizacións abonadas-.

Non obstante, os traballadores e a traballadora proseguirán agora coa vía xudicial, pois “o que queremos é que se recoñeza a nulidade dos nosos despedimentos e  non cartos”. A este respecto, denuncian que a dirección está a levar a cabo unha campaña de difamación contra deles entre os compañeiros/as de Muerde la Pasta, acusándoos de querer obter só un beneficio económico propio. “En realidade, o que busca a empresa é desmoralizar ao conxunto dos traballadores/as e que non nos apoien nas nosas reivindicacións”, apuntan.

Condicións precarias

Alén da persecución sindical, dende a CIG-Servizos denúnciase tamén os incumprimentos nas condicións laborais que se dan neste estabelecemento, xa que non se respectan as horas de descanso, fanse xornadas de 11 e 12 horas, e tampouco se compensan as horas a maiores como corresponde.