Concentración na Coruña contra a política de despedimentos arbitrarios que está a aplicar Gadis

A empresa mesmo está a botar á rúa a persoal que se atopa de baixa médica, alegando que teñen baixo rendemento
CIG e CCOO realizaron este venres unha concentración ás portas do Centro Comercial Catro Camiños da Coruña para denunciar a política de despedimentos indiscriminados que está a aplicar Gadis, que mesmo ten chegado a botar á rúa a persoal que está de baixa médica.
17/1/14.

“Queremos denunciar publicamente que Gadis despide traballadores e traballadores sen ningún criterio obxectivo e dende a CIG e CCOO –que suman maioría no Comité- non imos permitir que continúen estas agresións contra os nosos compañeiros e compañeiras”, sinalaba Begoña Martínez, delegada da CIG no Comité de empresa. 

Nos últimos dous meses, explicou, Gadis despediu a prezo de saldo a cinco empregadas/os en distintos supermercados da provincia da Coruña, alegando baixo rendemento. Nestes despedimentos, a empresa incluíu a persoas que se atopaban de baixa por enfermidade, que nalgún caso veu derivada do propio traballo desenvolvido na empresa.

“Como unha persoa que está de baixa pode dar algún tipo de rendemento negativo ou positivo?”, cuestionou a delegada da CIG. As decisións son tan arbitrarias, apuntou, que nalgúns dos despedimentos denunciados nin sequera foi preciso chegar a xuízo para que a empresa recoñecese a improcedencia da medida.

Con esta mobilización preténdese tamén contestar a imaxe pública de Gadis como unha empresa galega con gran sensibilidade social, gañada a través de custosas e intensas campañas publicitarias. Neste senso, na concentración insistiuse en que Gadis “é un empresa con grandes beneficios, que bota as súas traballadoras e traballadores pola porta de atrás, premiando os anos de servizo co despedimento”.

Non cómpre esquecer tampouco o longo historial represivo da empresa que, ademais de incumprir reiteradamente o convenio colectivo, acumula xa numerosas sentenzas condenatorias por acoso sindical e vulneración de dereitos sindicais. Por esta razón, a consigna máis coreada durante a concentración parodiou a última campaña publicitaria da cadea de supermercados: “E se chove que chova, pero que non mexen por nós!”.