Convocadas dúas xornadas de folga parcial do persoal do convenio de lavandarías da Coruña

O persoal afectado polo convenio provincial –A Coruña- de Lavandarías, Tinturerías e Pranchado de Roupa irá á folga os próximos días 1 e 3 de febreiro por mor da pretensión da patronal de recortar dereitos consolidados, no novo convenio que se está a negociar.
30/1/14.

A patronal pretende aplicar unha conxelación salarial, malia no sector non acadar os salarios sequera os 700 euros; quere eliminar o plus de antigüidade e aspira a suprimir o plus de actividade industrial para aquelas empresas de máis de 27 traballadoras/es.

Ante estes recortes de dereitos laborais, que consideran inadmisíbeis, acordaron a convocatoria de dúas xornadas de folga parcial, os días 1 e 3 de febreiro, das  8:00 ás 13:00 horas e das 19:20 ás 21:20 horas.

Xunto a isto teñen convocada unha nova acción de protesta diante do Hospital Quirón, o venres día 31 de xaneiro, das 11:00 ás 13:00 horas, para dar a coñecer o conflito laboral entre os usuarios/as do mesmo, xa que este centro médico é cliente de INDUSAL, unha das empresas máis grandes do sector.