Persoal de lavanderías concéntrase no Hospital Quirón na véspera da primeira xornada de folga

En contra dos recortes que a patronal pretende aplicar no convenio
Persoal de lavanderías desenvolveu unha nova concentración este venres ás portas do Hospital Quirón da Coruña, na véspera da primeira xornada de folga parcial convocada no sector en demanda en demanda dun convenio provincial digno e con dereitos.
31/1/14.

Coa protesta quérese visibilizar o conflito entre os usuarios e usuarias deste centro hospitalario, xa que é cliente de Indusal, unha das empresas máis grandes do sector.

Dende a CIG-Servizos volveron denunciar os recortes que a patronal pretende introducir no xa cativo convenio de Lavanderías, Tinturarías e Pranchado de Roupa da provincia da Coruña, que se está a negociar. Entre outros, a patronal busca aplicar a conxelación salarial, eliminar un plus de actividade industrial e eliminar a antigüidade; isto podería supor unha perda de máis de 200 euros ao mes, nun salario que apenas supera os 700 euros.

Contra este ataque os dereitos laborais, que consideran inadmisíbeis, alén da protesta deste venres –que dá continuidade ás concentracións realizadas nas dúas últimas semanas-, os traballadores e traballadoras están chamadas a secundar dúas xornadas de folga parciais, os días 1 e 3 de febreiro, das  8:00 ás 13:00 horas e das 19:20 ás 21:20 horas.