O Xulgado do Mercantil de Pontevedra anula o ERE de Coserpont ao entender que non existiu negociación

A empresa de servizos ten cinco días para recorrer ou deberá achegar unha nova proposta
O Xulgado do Mercantil número 2 de Pontevedra vén de anular o ERE de extinción que afecta a 34 traballadores/as da empresa de servizos Coserpont, en concurso de acredores dende o 22 de xullo, ao entender que non existiu negociación. A administración concursal ten cinco días para presentar recurso ou deberá achegar unha nova proposta.
06/2/14.

Representantes da central nacionalista e do cadro de persoal compareceron hoxe para amosar a súa satisfacción pola decisión xudicial e para reiterar o seu ofrecemento á negociación coa empresa, tendo en conta que a dirección non permite a presenza da CIG nas xuntanzas. “Non queren dialogar e pretenden botar á xente pagándolles unicamente 20 días por ano traballado”. 

Coserpont é unha empresa de servizos que traballa para o Sergas na xestión das cafeterías dos hospitais de Pontevedra, Santiago e Monforte e para o Ministerio de Sanidade ao ter a concesión das dos hospital de Zamora e Rio Tinto (Huelva).

En Galiza conta con 150 empregados/as, dos cales 34 (32 en Pontevedra e 2 na Estrada) están afectados/as polo ERE extintivo que agora foi anulado. Na cidade do Lérez xestiona aínda o establecemento El Cafetín, onde a CIG convocou concentracións de protesta.

“O problema chega o 31 de decembro cando o Sergas saca a concurso a concesión e faise cargo outra empresa, porque non subroga a todo o cadro de persoal”. Entón presentan un ERE cheo de defectos de forma en cuxas negociacións non participa a CIG por negativa da compañía.

A propia Consellería de Traballo emite un informe contrario á proposta que finalmente foi anulada polo Xulgado do Mercantil, que establece cinco días para o recurso diante do TSXG. “Do contrario deberán presentar un novo ERE”, finalizan.