Traballadores/as de Gaia despedidos/as péchanse no complexo deportivo de Elviña para pedir a readmisión

O Comité demanda a actuación da administración galega e que garanta a reincorporación do persoal ás instalacións da Coruña
Tres traballadores/as de Gaia despedidos/as a pasada semana, acompañados polo Secretario de Organización da CIG-Servizos, Adolfo Naya, iniciaron as oito da mañá deste luns un peche nas oficinas da Dirección Provincial de Deportes (situadas no complexo deportivo de Elviña) para esixir a súa readmisión e a dos tres compañeiros e compañeiras aos/ás que a empresa tamén rescindiu o contrato.
17/2/14.

Gaia –empresa que ten a concesión dos complexos deportivos da Xunta na Coruña- despediu na última semana a 6 traballadores/as, aos que hai que engadir os dous despedidos no mes de setembro. Entre os despedidos atópanse técnicos, persoal de mantemento e de administración, mais non se descartan novas rescisións.

O Presidente do Comité, Rubén Duruelo, sinalaba ás portas do complexo de Elviña onde os compañeiros/as manteñen o peche, que os traballadores/as son as vítimas no cruce de acusacións entre a administración e a empresa. A este respecto, Duruelo lembra que a representación do persoal leva tempo denunciando –tanto diante da Fundación Deporte Galego, como publicamente- os reiterados incumprimentos por parte da empresa, polo que non entenden por que á administración non actuou previamente, evitando chegar a actual situación.

Os incumprimentos da empresa, sinala, van dende a ausencia de mantemento das instalacións –o pavillón da Sardiñeira está pechado polas malas condicións- até a falta de pago á administración do canón correspondente pola explotación dos complexos públicos practicamente dende que lle foron adxudicadas no ano 2006.

Pola súa banda, Gaia escúsase en suspostos problemas económicos para xustificar os despedimentos, aínda que dende o Comité denuncian que non lles presentaron documentación que acredite as perdas. De feito, o 20 de decembro a empresa presentou un ERE extintivo, mais finalmente acordou retiralo e aplicar despedimentos efectivos. 

Rescate da concesión

Dende a Fundación Deporte Galego tense anunciado que se vai iniciar o proceso para rescatar a concesión por mor dos reiterados incumprimentos do prego de concesión, e que existe intención de reincorporar aos traballadores/as despedidos/as na nova empresa concesionaria. “Pero só é unha intención, necesitamos garantías. O que non se pode consentir é que no medio deste proceso de rescate a empresa se poña a despedir traballadores/as”, asevera o Presidente do Comité. 

Por iso, con esta medida de presión, o persoal tamén quere demandar da Xunta garantías efectivas de que se manterán os niveis de emprego e os traballadores/as despedidos/as sexan readmitidos cando se adxudique a nova contrata.

Folga indefinida dende o 24 de febreiro

Alén deste peche, os traballadores/as xa teñen convocado unha folga indefinida nos tres complexos xestionados por Gaia (Elviña, Sardiñeira e Agra) a partir do vindeiro luns, 24 de febreiro.

Relacionado: O Comité de Gaia-Movex denuncia que a UTE despide por causas económicas a 2 traballadores e ao mesmo tempo contrata novo persoal