Persoal de limpeza dos centros de saúde de Ferrol denuncia a redución da xornada laboral

As traballadoras e traballadores da Empresa Ingesan (concesionaria do servizo de limpeza dos centros de saúde de Ferrol) concentráronse este mércores ás portas dos xulgados, coincidindo coa celebración do xuízo polo conflito colectivo presentado contra a redución horaria aplicada pola empresa ao persoal.
19/2/14.

Durante a protesta, demandouse a Ingesan que restaure a xornada que até agora tiñan os traballadores e as traballadoras do servizo, e reclamouse do Sergas que rescate de inmediato a concesión ante os incumprimentos por parte da empresa.

Nos pregos de condicións para a adxudicación do servizo de limpeza dos centros de saúde de Ferrol e a comarca (dependentes do Sergas), está recoñecido o dereito á subrogación das 33 persoas que se encargan do servizo coas condicións laborais que tiñan (xornada, antigüidade e horario).

Porén, logo duns meses da adxudicación, Ingesan propuxo unha redución da xornada a través da modificación substancial das condicións de traballo, aplicando as facilidades introducidas pola reforma laboral do PP, e incumprindo deste xeito o prego de condicións. Cristina Martínez Ces, Secretaria Comarcal da CIG-Servizos Ferrol, denuncia que esta redución de horas supón nalgúns casos o 50% da xornada –coa conseguinte rebaixa salarial-.

Na protesta tamén se advertiu que a redución de horas na limpeza pode chegar a causar un problema sanidade público ao non poderse facer o servizo nas condicións adecuadas.

Complicidade do Sergas

A representante sindical criticou que dende o Sergas se consentise esta actuación, xa que a empresa se amparou nun artigo dos pregos que fala da posibilidade de desenvolver un plan funcional, para reorganizar o traballo e a partir de aí xustificar a redución da xornada.

Con esta decisión empresarial, explica Martínez Ces, mestúrase tamén a subrogación voluntaria por parte de Ingesan do persoal que se encarga dos servizos de limpeza de catro centros de saúde, dos que até agora se encargaban os concellos e que o Sergas se comprometera a asumir. Porén, matiza, a subrogación deste persoal tería que realizarse noutra contrata que aínda non se presentou.

Durante o xuízo deste mércores, a empresa propuxo chegar a un acordo; dende a parte social indicaron que o único acordo posíbel pasa pola retirada da redución de horas. A vindeira vista terá lugar en abril, pero dende a central sindical agárdase poder achegar posturas e acadar un acordo satisfactorio.