A clientela da cafetería da Estación de Autobuses de Compostela comparte petiscos cos traballadores

O día 5 está prevista a reunión co Consello de Administración de Tussa na que demandarán que fique por escrito a "subrogación"
A clientela da cafetería da Estación de Autobuses de Compostela volveu solidarizarse, este venres, cos traballadores que permanecen pechados no estabelecemento, desde o día 11 de febreiro, contra o peche deste servizo dependente do concello e en defensa dos seus postos de traballo. Desta volta os usuarios e usuarias expresaron o seu apoio asistindo ao convite duns petiscos ofrecidos polo propio persoal.
03/3/14.

Con empanada, embutido e uns viños agradeceron os traballadores da Estación de Autobuses ás usuarias e usuarios o seu apoio e constantes mostras de solidariedade. Uns petiscos nos que investiron os cartos acumulados no bote solidario feito coas aportacións que a propia clientela foi deixando para que puideran continuar servindo cafés e leite.

A decisión de gastar deste xeito o bote foi adoptada como consecuencia da decisión do Consello de Administración de Tussa de desafiuzar aos traballadores das instalacións da cafetería, onde levan máis de dúas semanas pechados.

Subrogación

En todo caso no pleno celebrado o xoves día 28 de febreiro no concello de Compostela, o Partido Popular, a instancias do BNG, informaba da súa decisión de subrogar a todo o persoal na nova concesionaria. Unha decisión que foi ben acollida tanto polo persoal como pola CIG-Servizos.

Roberto Alonso, secretario comarcal da CIG-Servizos de Compostela adianta que foron convocados a unha xuntanza co Consello de Administración de Tussa que terá lugar a vindeira semana. Porén sinala que “nesa xuntanza nós demandaremos que o compromiso de subrogación quede recollido por escrito e non se limite a un anuncio no pleno”.

Así as cousas, nesta xornada traballadores e usuarios/as gozaron duns pinchos coa esperanza de que sobre a mesa estea, por fin, a solución a un conflito que non debería terse sequera iniciado.