A cafetería da CRTVG ten que readmitir un traballador en cumprimento dunha sentenza

14-03-17_cafeteria_crtvg.jpg
Este luns fíxose efectiva a readmisión do traballador da cafetería da CRTVG Manuel Mirás, logo de que o Xulgado declarase improcedente o seu despedimento. A CIG-Servizos de Compostela manifesta a súa satisfacción por esta decisión e pola solidariedade amosada tanto polo persoal da cafetería como do da CRTVG.
17/3/14.

O traballador fora despedido o 1 de agosto de 2013, coincidindo co inicio da actividade da nova concesionaria, Coesco Deza (Culinaria), concesionaria do servizo de cafetería da CRTVG. A empresa decidira daquela non subrogar a este e a outras dúas traballadoras contando coa conivencia da propia compañía.

A CIG-Servizos celebrou esta reincorporación acudindo un grupo de sindicalistas a acompañar ao traballador ás instalacións da CRTVG onde foi recibido pola sección sindical da CIG, polos seus compañeiro/as e por outro grupo de traballadores/as da compañía xa na propia cafetería.

En todo caso Aitor Sebio, da CIG-Servizos de Compostela denuncia, máis unha vez, “o interese posto polos responsables da CRTVG neste asunto e exixe responsabilidades por isto”.

Conseguida a readmisión deste traballador, a CIG-Servizos agarda as seguintes sentenzas e anuncia que este 18 de marzo terá lugar o segundo xuízo por despedimento e o 10 de abril o terceiro, que se corresponde coa traballadora que, ademais, era a Delegada de Persoal e que “estamos seguros que rematarán tan ben como o caso que nos ocupa”, confía Sebio.