CIG-Servizos ten claro que o persoal da cafetería da estación de autobuses recuperará o posto de traballo

Caso contrario retomará o conflito até acadar a mellor solución para os traballadores
A CIG-Servizos ten claro que o persoal da cafetería da Estación de Autobuses recuperará o seu posto de traballo. Por iso non entende as contraditorias declaracións do concelleiro de Mobilidade de Santiago, Luís García Bello quen, en recentes declaracións, deixaba ao arbitrio da concesionaria a contratación do persoal despedido. A CIG-Servizos advirte de que, de non facerse efectiva a subrogación, retomaríase o conflito.
25/3/14.

“Estamos convencidos de que serán contratados polo ben do concelleiro, que ten comprometida a súa palabra; polo ben dos traballadores, que recuperarán así o seu posto de traballo e polo ben da imaxe da propia cidade, que ten no turismo unha das súas principais fontes de ingreso”, explicaba esta mañá Roberto Alonso, secretario comarcal da CIG-Servizos de Compostela.

Alonso facía esta aclaración a raíz das declaracións do concelleiro do PP compostelán, quen por unha banda manifestaba a súa confianza en que o persoal da cafetería será contratado pola concesionaria e, pola outra, deixaba ao arbitrio da empresa que resulte adxudicataria esta decisión.

O secretario comarcal da CIG-Servizos afirmou que a nova empresa ten que se facer cargo do persoal e advertiu de que se non o fai retomarase o conflito volvendo outra vez para a cafetería da Estación de Autobuses e pedindo a usuarios/as o boicot á nova concesionaria. “Sabemos sobradamente que terá un amplo respaldo social tal e como se amosou durante o tempo que estivemos aí. Sería un suicido económico para a nova empresa actuar desa forma”.

O desexo da CIG-Servizos é que se reabra o antes posible a cafetería aproveitando a tempada de verán, que é a máis forte para “facer caixa e normalizar unha situación que nunca se debería ter producido”.