Intensifícase a campaña contra os despedimentos disciplinares en Gadis

Este venres realizouse unha ocupación dun supermercado e recollida de sinaturas entre a clientela
A campaña que se está a desenvolver nos últimos meses contra a política de despedimentos disciplinares aplicada por Gadis, alegando baixa produtividade (mesmo con persoal en situación de baixa médica), vénse de intensificar co inicio de recollida de sinaturas entre a clientela e un incremento das mobilizacións en distintos supermercados da empresa.
28/3/14.

Este venres, CIG-Servizos e CCOO convocaron unha nova concentración diante dun Gadis, nesta ocasión no estabelecemento situado na rúa Félix Estrada Catoira da Coruña, onde nas últimas semanas a empresa despediu ás dúas traballadora da peixaría, aducindo baixa produtividade. Curiosamente o período no que supostamente tiveron esta caída da produtividade coincide co ciclo de temporais que azoutaron Galiza e nas que se apenas se podía saír a faenar no mar.

Ao igual que en protestas anteriores, durante a concentración un grupo de persoas ocuparon durante preto de unha hora o supermercado, recollendo sinaturas entre a clientela e informando da política laboral de despedimentos que practica Gadis, moi afastada da imaxe de “gran familia” que a empresa quere transmitir a través de custosísimas campañas publicitarias.

Esta recollida de sinaturas iniciouse na mañá do xoves a iniciativa da CIG-Servizos, no mesmo supermercado no que hoxe se desenvolveu a protesta. Alí, tres representantes da Federación equipados só cun chaleco e un bolígrafo foron explicando á clientela os métodos aos que recorre Gadis para desfacerse de xeito barato do persoal.

A este respecto, dende a Federación subliña a boa receptividade ante a recollida de sinaturas, xa que maioritariamente, as e os clientes amosaron o seu rexeitamento á política laboral de Gadis, mesmo chegando a manifestar reticencia a mercar nos estabelecementos da cadea, logo de seren informados/as destas prácticas.

As mobilizacións continuarán adiante

Dende a CIG-Servizos advirten que continuarán coas mobilizacións mentres a empresa non teña a ben sentar coa representación do persoal para abordar esta situación. A CIG-Servizos denuncia que Gadis está utilizar a figura do “despedimento disciplinar” de xeito fraudulento, aplicándoo a situacións de enfermidade, en moitos casos derivadas da propia actividade laboral.

Así mesmo, explican as dificultades que supón detectar os numerosos casos que se están a producir en todo o país, xa que a empresa se aproveita o descoñecemento do persoal e da falta de contacto coas centrais sindicais para rescindir contratos, en ocasións obrigando aos afectados e afectadas a asinar finiquitos e ceses voluntarios que non comportan indemnizacións. Porén, aqueles casos denunciados perante a autoridade laboral conseguen unha indemnización de 45 días por ano traballado por parte da empresa.

Máis aló da improcedencia, con esta campaña de mobilizacións as centrais sindicais buscan lograr a readmisión das traballadoras e os traballadores despedidos e disuadir a empresa de proseguir con estas prácticas.