Nova ocupación dun Gadis para esixir o cese dos despedimentos disciplinares

A CIG-Servizos advirte que as protestas continuarán mentres a empresa non cese nestas prácticas
Este venres CIG-Servizos e CCOO volvían ocupar simbolicamente un Gadis para esixir o cese inmediato da política de despedimentos disciplinares e a readmisión das traballadoras e traballadores despedidos. A protesta repetiuse no supermercado situado na rúa Félix Estrada Catoira da Coruña, onde recentemente foron despedidas dúas traballadoras, ás que a empresa rescindiu o contrato alegando baixa produtividade.
04/4/14.

Como en ocasións anteriores, un grupo de persoas ocupaba o estabelecemento comercial portando autocolantes nos que se podían ler mensaxes contra os despedimentos e recollendo sinaturas entre a clientela contra a política laboral de Gadis. Ao tempo, outro grupo máis numeroso concentrábase ás portas do supermercado ao berro de “A solución, readmisión” ou “Se chove que chova, que non mexen por nós”, parodiando a coñecida campaña publicitaria da empresa.

Dende a CIG-Servizos advirten que continuarán coas mobilizacións mentres a empresa non sente coa representación do persoal para abordar esta situación. A CIG-Servizos denuncia que Gadis está utilizar a figura do “despedimento disciplinar” de xeito fraudulento, aplicándoo a situacións de enfermidade, en moitos casos derivadas da propia actividade laboral.

Así mesmo, explican as dificultades que supón detectar os numerosos casos que se están a producir en todo o país, xa que a empresa se aproveita o descoñecemento do persoal e da falta de contacto coas centrais sindicais para rescindir contratos, en ocasións obrigando aos afectados e afectadas a asinar finiquitos e ceses voluntarios que non comportan indemnizacións.

Neste senso advirten que todo parece indicar que esta política de despedimentos disciplinares xa está a aplicar noutras empresas do grupo.