Concentración ás portas dos xulgados de Ferrol en contra das pretensións de Ingesan de aplicar unha redución da xornada laboral

CIG-Servizos demanda do Sergas que rescate de inmediato a concesión polo incumprimento do prego de condicións
Este martes desenvolvíase unha concentración diante dos xulgados de Ferrol en apoio aos traballadores e traballadoras de Ingesan, empresa que realiza o servizo de mantemento dos centros de saúde da Área Sanitaria. Na protesta, que se convocou coincidindo coa celebración do xuízo polo conflito colectivo, tamén se demandou do Sergas que rescate o servizo polo incumprimento do prego de condicións.
09/4/14.

Entre outras cuestións, denúnciase que a empresa non está a cumprir co dereito de subrogación que ten recoñecido este persoal. De feito, apunta Cristina Martínez Ces, da CIG-Servizos Ferrol, unha das primeiras medidas adoptadas por Ingesan tras da adxudicación do servizo foi propor unha redución da xornada, a través dunha modificación substancial das condicións de traballo aplicando a Reforma Laboral.

Contrariamente, na oferta presentada por Ingesan para facerse cargo do servizo recollíase un incremento do número de horas de limpeza. Esta, aclaran dende a CIG-Servizos, foi a causa pola que o Sergas adxudicou esta contrata.

A redución horaria, que afecta a 16 das 33 traballadoras e traballadores, faise incumprindo o prego de condicións e “previo consentimento do Sergas”, e aplícase a “un persoal que ten dereito á subrogación na nova empresa cos mesmos dereitos que tiña até o de agora”. A este respecto,  subliñan que o recorte de horas supón nalgúns casos o 50% da xornada –coa conseguinte rebaixa salarial-.

As traballadoras e traballadores consideran “fraudulenta a actitude da empresa Ingesan” e critican a complicidade do Sergas, ao que se lle solicitou que abrise unha investigación dos feitos denunciados “sen ter contestación dos mesmos”.

Ademais, advirten que a redución de horas na limpeza pode chegar a un problema de sanidade público. “Solicitamos que nos devolvan as horas que viñamos facendo até o de agora e o rescate inmediato por parte do Sergas deste servizo diante do funcionamento que tivo esta empresa”, reivindican.

Mobilización na sede da empresa

O pasado xoves, 3 de abril, as traballadoras e os traballadores concentráronse  na Coruña diante da sede de Ingesan, denunciando a situación que están a sufrir e portaron a súa propia faixa na manifestación comarcal en defensa da sanidade pública do pasado 26 de marzo.