Desconvocada a folga na limpeza do Xeral-Cíes de Vigo ao manterse o convenio e retirarse o ERE

O comité de empresa e a dirección de Clece asinarán este luns un acordo que foi ratificado por unanimidade en asemblea
O cadro de persoal de Clece, concesionaria do servizo de limpeza do Xeral-Cíes de Vigo, ratificou esta tarde en asemblea por unanimidade un preacordo que permite desconvocar a folga indefinida prevista para o vindeiro luns 21. A empresa comprométese a manter o convenio -incluídos os pluses de vacacións e baixa- e renuncia ao presentar un ERE e á modificación substancial das condicións de traballo.
10/4/14.

O acordo que as partes asinarán este mesmo luns contempla a desconvocatoria de folga e o convenio colectivo, que terá vixencia durante os anos 2014-2015, e foi posíbel despois de que a empresa dese marcha atrás na súa intención de aplicar o convenio provincial de Limpeza e modificar substancialmente as condicións de traballo e renunciase a presentar un ERE.

Dende CIG-Servizos de Vigo amósanse convencidos de que a unidade do cadro de persoal durante o conflito e a súa masiva participación nas mobilizacións convocadas a diario nos exteriores do Xeral foron fundamentais á hora de lograr que a empresa atendese as súas reivindicacións.

Deste xeito, o convenio colectivo seguirá vixente coas mesmas condicións que se pactara na mediación coa Inspección de Traballo, incluíndo os pluses de vacacións e baixas. As substitucións do persoal é outra das cuestións que se incorporaron ao acordo. Así, no hospital Xeral cubriranse a partir de 7 traballadores/as de baixa na quenda da mañá e de 5 na de tarde, mentres na que na de noite cubriranse ao 100%.

No policlínico Cies a cobertura será a partir dunha persoa de baixa na quenda de mañá, sendo do 100% nas de tarde e noite. As substitucións faranse co persoal eventual que traballou anteriormente nestes centros. Tamén se pactou constituír unha comisión para facer un seguimento mensual das baixas.

Do mesmo xeito, establécense xuño, xullo, agosto e setembro como meses para goce das vacacións, mentres que as traballadoras/es que opten por outro período terán un día máis. A empresa comprometeuse tamén a arranxar as nóminas que teñen mal calculada a base de cotización, e as pagas extras serán completas (incluídos pluses de produtividade e especifico).