Impugnan os servizos mínimos fixados no hospital Xeral-Cíes de Vigo para a folga da limpeza do día 21

O comité di que son abusivos e denuncia que durante o paro haberá máis persoal asignado ao servizo que nun día normal
O comité de empresa de Clece, empresa concesionaria do servizo de limpeza do hospital Xeral-Cíes de Vigo, anunciou hoxe que impugnará os servizos mínimos fixados para a folga indefinida convocada a partir do día 21 en defensa das condicións laborais do cadro de persoal. A representación dos traballadores/as considéraos abusivos e denuncia que durante o paro haberá máis empregados/as asignados ao servizo que nun día normal.
10/4/14.

O anuncio da empresa produciuse esta mañá no marco da xuntanza mantida co comité para negociar uns servizos mínimos que finalmente serán impostos, tal e como critican os representantes do cadro de persoal. “Fixémoslles dúas propostas distintas pero negáronse en rotundo dicindo que non eran viábeis”, sosteñen.

En concreto, os traballadores/as amosábanse dispostos a establecer unha serie de reténs que se manterían de garda durante as tres quendas nos dous centros (hospital Xeral e policlínico Cíes) e se encargarían de cubrir as urxencias tras seren localizados mediante un busca.

A outra proposta, que afectaría só ao Xeral, consistía en pactar uns servizos mínimos para as quendas de mañá e tarde (12 persoas en cada un) e outros para a da noite (dúas persoas máis un responsábel de equipo). O policlínico Cíes quedaría cuberto por unha persoa por cada unha das tres quendas.

Pola contra, a empresa optou por fixar como servizos mínimos o 100% do persoal no laboratorio e en radiodiagnóstico de urxencias, na UCI, na área cirúrxica, en reanimación postoperatoria e cardíaca, hematoloxía, oncoloxía, hospital de de día e diálise. No resto (corredores, salas e outras dependencias) os mínimo establecidos serán do 70%.

Deste xeito, tal e como denunciaron dende o comité, durante a folga haberá máis persoas asignadas ao servizo de limpeza que nun día normal. Con todo, a dirección de Clece negouse a atender as propostas do comité, o que motivou a decisión de impugnar os servizos mínimos.

Redución do cadro de persoal

Por outra banda, Clece convocou ao comité a unha nova xuntanza a celebrar este venres ás 10.00 horas para falar sobre a presentación do ERE anunciado pola empresa. Dende a CIG-Servizos de Vigo amosaron a súa preocupación porque a a medida poida supoñer o despedimento de persoal, “porque nos consta que o Sergas pretende reducir o número de empregados/as do servizo de limpeza e pasar dos 134 actuais a 111”.