A empresa que xestiona a cafetaría da CRTVG reincorpora a delegada de persoal despedida

É a segunda readmisión de traballadores/as non subrogados por Coeso Deza cando accedeu á contrata
Este luns producíase a reincorporación no posto de traballo da delegada de persoal da cafetería da CRTVG, despedida ao non ser subrogada pola actual adxudicataria, Coesco Deza (Culinaria), que accedeu ao servizo o pasado 1 de agosto de 2013.
15/4/14.

Esta é a segunda readmisión que a empresa realiza, despois de que hai un mes reincorporara a un dos tres traballadores/as despedidos/as naquel momento, logo de que o Xulgado declarase improcedente o seu despedimento.

Esta readmisión, explica Aitor Sebio, da CIG-Servizos de Compostela, vén despois de que o día 10 de abril a empresa accedera á reivindicación da parte social, xusto no momento previo a celebrarse o xuízo por despedimento da traballadora. Un xuízo que finalmente non se chegou a celebrar por acadarse o acordo.

“Unha vez máis a CIG-Servizos nos felicitamos por este rotundo éxito e mostramos o noso agradecemento a todo o persoal da CRTVG e das contratas que traballan na mesma polo seu apoio neste conflito”, subliña Sebio.

Unha loita pola readmisión dende o 1 de agosto

A traballadora foi despedida o 1 de agosto de 2013, coincidindo co inicio da actividade da nova concesionaria, Coesco Deza (Culinaria), adxudicataria do servizo de cafetería da CRTVG. A empresa decidira daquela non subrogar á traballadora, que ademais, é delegada de persoal, e a un compañeiro e outra compañeira.