Gadis recoñece a improcedencia de dous despedimentos, pero teima na súa política represiva

Coincidindo co acto de conciliación no SMAC tivo lugar unha nova acción de protesta nun supermercado
Coincidindo co acto de conciliación no SMAC de dúas traballadoras, este mércores realizouse unha nova acción de protesta (convocada por CIG e CCOO) para denunciar os inxustos despedimentos que Gadis está a aplicar con carácter disciplinar, alegando baixa produtividade, e que en moitas ocasións afecta a persoal que se atopa de baixa médica.
15/4/14.

A protesta iniciouse minutos antes de que as dúas traballadoras despedidas entrasen nas oficinas do SMAC da Coruña para o acto de conciliación no que, como era de prever, a empresa negouse á readmisión, aínda que nesta ocasión  recoñeceu a improcedencia da medida. A este respecto, cómpre lembrar que as empregadas viñan desenvolvendo dende hai anos a súa actividade no departamento de peixería (unha delas mesmo foi delegada da CIG) e a empresa despediunas alegando baixo rendemento, curiosamente tomando como referencia o período no que Galiza estivo azoutada pola vaga de temporais.

“O lóxico sería que as readmitiran, pero vendo como se está a comportar a empresa, imaxinamos que isto non ía suceder”, criticou a Presidenta do Comité, Begoña Martínez, quen apuntou que, na maioría dos casos, non é posíbel acadar ningún acordo, polo que os despedimentos acaban no xulgado.

Porén, dende a CIG-Servizos reiteran que máis alá da improcedencia, con esta campaña de mobilizacións as centrais sindicais buscan lograr a readmisión das traballadoras e os traballadores despedidos e disuadir a empresa de proseguir con estas prácticas. Por iso, anunciaron, as mobilizacións van continuar, así como a campaña de recollida de sinaturas entre a clientela, iniciada hai dúas semanas.

Unha campaña que, subliña a Presidenta do Comité, está a ter moi boa acollida entre os/as clientes, que se senten identificados/as coas traballadoras e traballadores. “Xa temos recollida un bo número de sinaturas e seguiremos recollendo máis mentres a empresa non mude a súa actitude”, advirte.

Carros cheos de produtos

Logo dos actos no SMAC, a protesta trasladouse até diante das portas do Gadis situado no mesmo edificio, para demandar a readmisión das traballadoras e o cese inmediato desta política represiva. Como medida de presión, mentres se desenvolvía a concentración, un grupo de persoas entrou no supermercado para encher carros e cestas da compra que deixaban ao pasar pola caixa, indicando “que pague Gadis cos cartos dos despedimentos”.

Con este xesto, referíanse tamén ás malas artes que pon en práctica a empresa, que se aproveita do descoñecemento do persoal e da falta de contacto coas centrais sindicais para rescindir contratos, en ocasións obrigando aos traballadores e traballadoras a asinar finiquitos e ceses voluntarios que non comportan indemnizacións.