Persoal de limpeza de Gaia cumpre terceiro día de folga contra a modificación das condicións

A empresa ten a concesión dos complexos deportivos da Xunta na Coruña
Traballadores e traballadoras das instalacións deportivas da Xunta xestionadas por Gaia concentráronse este mércores diante do complexo de Elviña (A Coruña) en apoio ao persoal de limpeza, que hoxe cumpre a terceira xornada de folga en contra da modificación substancial das condicións de traballo que a empresa pretende impor.
16/4/14.

O Presidente do Comité, Rubén Duruelo, destacou durante a protesta o amplo seguimento das tres xornadas de folga (que só afecta os/as 11 traballadores de limpeza), que arrancou coincidindo coa data na que a empresa tiña previsto facer efectivos os novos cambios nas condicións laborais. O paro continuará con carácter indefinido a partir do vindeiro luns; e de non producírense avances, o día 22 tamén está convocada folga para todo o persoal dos tres centros de Gaia (Elviña, Sardiñeira e Agra).

A medida de presión xorde como resposta á falta de vontade negociadora por parte da empresa, que hai un mes presentou unha modificación substancial das condicións de traballo para o persoal dos servizos de limpeza e mantemento, que afecta principalmente ás quendas e horarios. Para o persoal de mantemento, aclara Duruelo, foi posíbel negociar un acordo, mais non así no caso da limpeza, xa que para este servizo Gaia quere impor uns cambios radicais nos horarios de traballo.

De feito, apunta o Presidente do Comité, o persoal de limpeza da primeira quenda entraba a traballar as seis da mañá e agora a concesionaria pretende que este horario se adiante ás tres da madrugada. “No período de negociación houbo un achegamento en canto á hora de entrada, mais o que fixo a empresa foi modificar o horario de saída e atrasalo das once até a unha e media da tarde. Ao final, a empresa nin sequera tivo vontade para acadar un acordo”, critica Duruelo.

A maiores, estes cambios supoñen deixar as instalacións sen limpeza durante unha parte importante do horario de apertura dos centros. “Até agora o servizo de limpeza estaba practicamente cuberto coas dúas quendas de traballo. Porén, con estas modificacións atopámonos con que haberá catro ou cinco horas nas que non se limpan as instalacións. E entendemos que polas súas características os centros deportivos precisan de limpeza continua”, sinala.

Denuncia na Inspección

Aínda que o servizo de limpeza conta con 11 traballadores/as, coincidindo co inicio da folga, a empresa procedeu este luns á contratación de tres persoas novas, unha por instalación. “Non sabemos nin que condicións teñen, nin que horarios cumpren, pero entendemos que son contratacións ilegais, porque a empresa quere substituír os/as traballadores/as en folga”.

Por iso mesmo, o Comité xa presentou denuncia diante da Inspección de Traballo para que abra unha investigación sobre a legalidade destas novas contratacións.

Pola súa banda, dende a Fundación Deporte Galego, titular dos centros deportivos, informouse ao Comité que o vindeiro luns a interventora visitará as instalacións para avaliar o seu estado.