Persoal de limpeza do CHUAC mobilízase contra os recortes laborais e pola readmisión dunha compañeira

Denuncian que Valoriza Facilities pretende rebaixar as condicións laborais e salariais recollidas no actual convenio
Traballadoras/es dos servizos de limpeza do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña iniciaron este martes un calendario de mobilizacións, convocado polo Comité de Valoriza Facilities (unha as concesionarias do servizo), contra as pretensións da empresa de recortar dereitos laborais e salariais, en demanda da negociación dun convenio digno e para esixir a readmisión dunha traballadora despedida por terse acollido a baixas por I.T de curta duración.
22/4/14.

Valoriza Facilities, explica Lois Soto, da CIG-Servizos da Coruña, accedeu o pasado novembro á concesión do servizo de limpeza do Hospital Abente y Lago, do Materno Infantil e do Hospital Marítimo de Oza concursando á baixa, incluso ofrecendo 28.000 horas gratuítas para limpezas extraordinarias. A primeira decisión que tomou a empresa foi denunciar o convenio colectivo (de vixencia indefinida) “coa única pretensión de recortar dereitos e condicións laborais para compensar, a conta das traballadoras e traballadores, as posíbeis perdas por ter concursado á baixa”.

En plena negociación do novo convenio, Valoriza Facilities (do Grupo Sacyr Vallehermoso) despediu a unha das traballadoras da quenda de tarde do Hospital Materno Infantil, recorrendo aos aspectos máis regresivos da reforma laboral. “Despediuna por coller baixas por I.T. de curta duración”, denunciou Soto, lembrando a maior exposición a enfermidades que ten o persoal que traballa en centros hospitalarios. Ademais, advirte, “se o persoal que traballa no hospital ten que vir enfermo para que non o despidan, estase pondo en risco tamén a saúde dos/as doentes”. 

Para a parte social, as intencións da empresa pasan por rebaixar o convenio actual -que recolle a equiparación salarial co grupo E do Sergas- para deixalo a nivel do convenio provincial, de condicións moi inferiores. “Non imos permitir que haxa ningún despedimento nin ningún recorte. Por iso xa temos aprobado un calendario de mobilizacións para os vindeiros días e non se descarta tampouco a convocatoria de folga”, asegurou Soto. 

A este respecto, denunciou a actitude de bloqueo que mantén a empresa na negociación colectiva. De feito, o xoves está convocado un AGA para tentar desbloquear as negociacións e paralelamente os traballadores e traballadoras van desenvolver unha nova concentración diante da Xerencia do CHUAC, a partir das 10:00 horas.

Incumprimentos do convenio vixente

Durante a protesta, tamén se denunciaron os incumprimentos do convenio vixente no referido á mobilidade do persoal, á modificación unilateral dos cadros de traballo, a falta de abono dos días de vacacións e dos graos da carreira profesional (a pesares de existir sentenzas firmes) ou a negativa da empresa a dar días de libre disposición.