Persoal de Seaga anuncia novas mobilizacións en demanda de estabilidade laboral e condicións dignas

Denuncian que non poden acceder ao subsidio por desemprego e ás prestacións porque só están contratados/as tres meses ao ano
Representantes das traballadoras e traballadores de Seaga compareceron este mércores en rolda de prensa para anunciar o inicio dun novo calendario de mobilizacións en demanda de estabilidade laboral e unhas condicións dignas. O colectivo denuncia que os seus contratos son tan precarios que nin sequera teñen dereito a cobrar o paro nin poden acceder á outro tipo de prestacións e axudas, véndose abocados a verdadeiras situacións de exclusión social. Por iso, e ante a falta de solucións por parte da Consellaría do Medio Rural, o 16 de maio teñen convocada unha manifestación dende a estación de tren de Compostela até San Caetano e unha asemblea na Praza da Quintana.
07/5/14.

O Secretario Nacional da CIG-Servizos, Paulo Rubido, acompañado por cinco traballadores de Seaga alertou da “situación insostíbel” á que a Consellería do Medio Rural ten abocado ao persoal  contratado por Seaga. Unha situación, apuntou Rubido, que impide ao persoal acceder o subsidio por desemprego e a outro tipo de prestacións e axudas, xa que só están contratados/as durante tres meses ao ano. “Para cobrar catro meses de paro tes que traballar catro anos”, denunciou.

A modo de exemplo das graves condicións ás que se enfrontan, na comparecencia deuse lectura á carta dun traballador do Distrito 5, que só traballa os tres meses de contrato de Seaga, a súa dona está no paro, teñen dous fillos e só lle queda a axuda familiar por tres meses. Así mesmo, indicaron que as empregadas e empregados non poden nin acceder á RAI porque esta renda está limitada a persoas que traballen 89 días e os contratos na empresa pública son de 90 días; e no caso das operarias e operarios de máis de 52 anos, mesmo lles sae máis rendíbel estar fóra de Seaga. “A xente leva seis meses sen cobrar e por se non fose abondo, hai persoas ás que o INEM reclama a devolución do paro”, lamentaron.

Rubido lembrou que durante a época do bipartito Seaga chegou a ter 1.800 traballadores/as que se ocupaban de tarefas de limpeza, prevención e extinción durante todo o ano. Este persoal, contratado en fraude de lei, comezou a presentar reclamacións para que se recoñecese o seu carácter fixo-discontinuo, e a partir de aí a Xunta decidiu recortar o dispositivo até quedar nos 500 actuais, mantendo unha política de contratación ilegal e que conta con ducias de sentenzas en contra.  De feito, existe un requirimento da Inspección de Traballo de Pontevedra para que converta 260 contratos de interinidade en fixos-discontinuos.

A representación social, sinalaron, tense dirixido en numerosas ocasións á Consellaría para demandar máis carga de traballo e un  emprego estábel, que dea solución aos problemas laborais que vén arrastrando a empresa pública dende hai anos. Na xuntanza celebrada co Secretario Xeral, Tomás Fernández Couto, o pasado mes de febreiro, transmitíronselle os problemas tanto para o cobro como sobre a reclamación da devolución das prestacións, sen que até o momento se achegase unha solución.

“Con contratos de tres meses, ao que estamos abocados os traballadores/as desta empresa é a exclusión social e á precarización”, reiteraban.  Para o persoal, o máis indignante é que tendo Seaga carga de traballo abondo, a Consellaría do Medio Rural teima en manter unhas condicións laborais ínfimas. “Sabemos que sobra carga de traballo, que a empresa está a subcontratar empresas e a contratar ‘amigos’ a través da fórmula de autónomo. O único que pedimos é traballo”, sentenciaron.

Con estas condicións, indicaron, hai moitas traballadores e traballadoras que están pensando en abandonar a empresa, xa que nin sequera se lles recoñece o dereito a pedir unha excedencia que permita compaxiñar con outro emprego temporal. Nesta liña, destacaron que estabilizar  o emprego en Seaga axudaría a fixar poboación no rural, posto que boa parte dos traballadores e traballadoras viven en Concellos do rural.

“Pero imos loitar por este traballo, que o  teña claro a Consellaría”, aseguraron. Así,  o 16 de maio está convocada unha manifestación nacional, que sairá da estación do tren de Compostela e rematará en San Caetano. Ademais, haberá unha asemblea de traballadores/as na Praza da Quintana para analizar a situación a acordar as accións a levar a cabo.