A loita das traballadoras e traballadores de limpeza de Gaia conclúe nun acordo satisfactorio para o persoal

Logo de máis de dúas semanas en folga conseguen frear a modificación substancial das condicións laborais
A mediación celebrada este xoves polo conflito colectivo interposto por mor da modificación substancial das condicións de traballo que pretendía impor Gaia rematou cun acordo que as traballadoras e traballadores cualificaron de “moi satisfactorio” e, claramente, froito da loita firme desenvolvida polo colectivo dende o anuncio da empresa de cambiar os horarios e as xornadas.
08/5/14.

Dende o Comité enténdese que o resultado é moi positivo e demostra que coa loita se pode evitar a perda de dereitos e se pode pór freo aos atropelos da patronal. Hai que subliñar que as traballadoras e os traballadores aguantaron a folga durante case tres semanas, coa permanente negativa da empresa a abrir unha negociación para solucionar o conflito e coa administración galega pedindo “paciencia” ao persoal.

Unha folga que se convocou, destaca Adofo Naya, Secretario de Organización da CIG-Servizos, non contra unha rebaixa salarial ou por despedimentos, senón pola modificación arbitraria e caprichosa das condicións de traballo que a empresa pretendía impor. A decisión das traballadoras e dos traballadores do servizo de non ceder e tirar para adiante cunha folga indefinida, nos tempos actuais, “só pode ser un exemplo para o conxunto da clase traballadora de que mantendo unha actitude de loita, de non resignación, se poden conservar os dereitos e confrontar os abusos da patronal”.

Do mesmo xeito, a representación social quere subliña o labor de mediación do Consello Galego de Relacións Laborais e a Inspección para facilitar unha saída digna e dialogada ao conflito.

Tras acadarse este acordo, o persoal decidiu desconvocar a folga indefinida iniciada o pasado 21 de abril, suspendida dende onte para facilitar a negociación. En canto ao contido do mesmo, fronte ás arbitrarias pretensións de Gaia, finalmente establécese que persoal entrará a traballar ás cinco da mañá, unha quenda da tarde pasará á mañá e conseguise impedir que a empresa movese de centro a unha traballadora.