Convocada folga en todos os centros de Dielectro para os días 19, 20 e 21 de maio

En contra do ERE de extinción para 59 traballadores/as e a rebaixa salarial que pretende aplicar a empresa
A representación do persoal de Dielectro vén de convocar folga en todos os centros de traballo da empresa (tanto en Galiza como fóra) para os días 19, 20 e 21 de maio, en contra do ERE de extinción que a dirección pretende aplicar para 59 traballadores e traballadoras e a rebaixa salarial do 15%.
09/5/14.

As centrais sindicais entenden que os despedimentos non son a solución que precisa Dielectro, dado que implicarán un empeoramento do servizo, pero non servirán para garantir a viabilidade a empresa, xa que o seu principal problema son os impagamentos acumulados de clientes.

Neste senso, a CIG-Servizos lembra que os empregados e empregadas están a realizar horas extraordinarias debido ao volume de carga de traballo, polo que recortar en persoal “só provocará empeorar as condicións laborais e a dar un peor servizo á clientela”.

Recorte salarial

Na última negociación celebrada onte no marco do período de consultas, a empresa continúa coa pretensión de aplicar os despedimentos, dos cales 54 afectarían a centros de Galiza, correspondendo a maioría das extincións ao centro de loxística do Polígono de Sabón, con 37 traballadores/as afectados/as.

Ademais, por se non fose abondo, a empresa tamén presentou este xoves unha modificación para recortar un 15% os salarios ao conxunto do persoal. A única oferta en positivo por parte da dirección consistiu en subiu a 23 os días para o cálculo das indemnización.

Fronte a este ataque, o cadro de persoal manifestou, nas distintas asembleas realizas, a súa disposición a loitar para que non se produza ningún despedimento.