Persecución en Catering Caranza ao persoal afiliado á CIG e atrasos xeralizados no pago dos salarios

A empresa despediu a tres traballadores/as logo de ter acudido a asesorarse á central sindical
Persecución, insultos, despedimentos e atrasos salariais. Estas foron as lamentábeis condicións do persoal de Catering Caranza, que a CIG-Servizos de Ferrol denunciou publicamente en rolda de prensa este xoves. Ademais, apuntaron que o acoso da empresa, que presta servizos no Club Naval de Oficiais e Suboficiais, se manifesta de xeito máis virulento cos/as traballadores/as afiliados/as á CIG
15/5/14.

A Secretaria Comarcal da CIG-Servizos, Cristina Matínez Padín, e o co-responsábel comarcal, Xesús Anxo López Pintos, explicaron que os problemas con Catering Caranza véñense arrastrando dende que a empresa accedeu ao contrato do Club Naval e se produciu a subrogación dos/as 12 traballadores/as que prestaban este servizo.

Nese momento, a empresa xa amosou a súa clara animadversión á CIG, que se concretou uns meses despois co despedimento de tres traballadoras/es que, cansas/os dos atrasos nos pagos das nóminas e do clima laboral, acudiron a asesorarse á central nacionalista.

Os tres despedimentos, apunta Padín, foron denunciados. Nun dos casos, recoñeceuse a improcedencia da medida, máis até o momento a empresa non abonou ningún dos pagos mensuais (solicitou pagar en cotas, alegando problemas económicos) que adebeda ao traballador en concepto de indemnización e salarios de tramitación.

A segunda das sentenzas, tamén recoñeceu a improcedencia do despedimento, pero neste caso a empresa decidiu readmitir a traballadora, por non poder facer fronte á indemnización. Cando a CIG-Servizos pediu o calendario laboral da empregada, a compañía só entregou o correspondente ao mes de maio, no que se consignaba unha xornada de 26 horas á semana, en lugar das 40 horas pertinentes.

“Preguntamos a que se debía e a empresa informou que as restantes horas se acumularían para o verán, cando máis traballo hai. Pero iso significa que para devolver este tempo, a traballadora que terá que facer xornadas de até 15 horas neses meses”, critica a Secretaria Comarcal da CIG-Servizos.

O terceiro dos xuízos está fixado para a próxima semana.

Ademais, da persecución contra os traballadores e traballadoras próximos á CIG, a situación de ameazas e acoso é xeneralizada entre o conxunto do cadro de persoal (mesmo se sospeita que as cámaras de videovixilancia contan con sistema de escoita), ao igual que os atrasos nos salarios. “A empresa debe entre dous e catro meses de soldo aos traballadores e traballadoras”, afirma Padín.

Instalacións pechadas por Sanidade

Na comparecencia, tamén se informou da fraude que está a cometer a empresa nas propias instalacións do Club Naval, xa que ademais de para facer o servizo de comidas aos/as oficiais, tamén utiliza o local para preparar o catering que leva a diversos colexios e garderías da comarca.

E isto é así, sinalan, porque a empresa trasladou ao Club todo o equipo de catering que tiña nun estabelecemento que lle foi pechado por Sanidade por incumprimento de condicións, coa intención de seguir coa súa actividade. “Pero as instalacións do Club tampouco reúnen as condicións necesarias para este tipo de actividade”, denuncian.

A CIG-Servizos xa comunicou esta irregularidade aos responsábeis do Club Naval para que tomen as medidas oportunas coa empresa.