Pórtico terá que pechar en xuño se o Fogasa non adianta as indemnizacións e os salarios pendentes

O cadro de persoal da firma viguesa decidiu en asemblea convocar un calendario de mobilizacións
O comité de empresa de Pórtico (CCOO e CIG) alertou hoxe do peche da compañía viguesa se antes de mediados de xuño o Fondo de Garantía Salarial (Fogasa) non adianta o custe das indemnizacións dos traballadores/as despedidos/as e dos salarios pendentes. O cadro de persoal decidiu en asemblea convocar un calendario de mobilizacións en defensa dos seus postos de traballo.
27/5/14.

O comité de Pórtico compareceu esta tarde en rolda de prensa para amosar a súa preocupación polo que lles vén de comunicar a administración concursal: que optará pola liquidación da firma no caso de que o Fogasa non se faga cargo antes de mediados de xuño das indemnizacións dos 200 empregados/as despedidos/as en novembro e dos salarios pendentes, que en total suman 3,3 millóns de euros.

Segundo indicaron dende o comité, a propia administración concursal trasladoulles a negativa do Fogasa a adiantar os cartos ao non ter garantías suficientes de que o vai recuperar. A compañía puxo como avais varias propiedades (terreos e naves), “pero parece ser que non son suficientes porque só cubrirían parte da débeda (2,1 millóns de euros).

Neste senso, lembran que os traballadores/as xa non poden poñer máis da súa parte, “xa que fixemos todo o que nos pediron para salvar a empresa, como baixarnos o salario ou aceptar un ERE temporal e outro de extinción”.

Lamentan que sexa un organismo público estatal, o Fogasa, o que estea a impedir a supervivencia da empresa e a súa saída do proceso concursal, polo que reclaman a intervención do secretario xeral do Fogasa, ao que acusan de “mirar para outro lado e de negárense a recibir a representación dos traballadores/as para intentar chegar a unha solución”. 

Facenda impugna o convenio

A esta problemática hai que sumar a impugnación do convenio de acredores por parte de Facenda, que solicitou unha aclaración sobre unha das cláusulas do texto, en concreto o artigo 8. Con todo, dende o comité amósanse convencidos de que se trata dunha dificultade “que se pode salvar”. Non así a cuestión do Fogasa, polo que lamentan “que sexa a propia Administración pública a que vaia a provocar o peche de Pórtico”.

Segundo denuncian, no caso de que se chegase a confirmar a liquidación da empresa “sería un negocio ruinoso para o propio Estado, que en lugar de 3,3 millóns de euros tería que pagar as indemnizacións doutros/as 181 traballadores/as que quedarían sen emprego (o que suporía uns 2,6 millóns máis).

Tamén lamentaron que a dirección xa lles teña comunicado que non van cobrar o salario do mes de maio nin a paga extra de xuño, ao que hai que sumar as nóminas pendentes. Diante disto, e tamén para reclamar unha solución que permita a supervivencia da empresa e dos seus postos de traballo, o cadro de persoal decidiu hoxe nunha asemblea celebrada nas instalacións de Mos convocar un calendario de mobilizacións que será elaborado nos vindeiros días polo comité.