Limpeza do CHUAC seguirá mobilizada até que se asinen convenios e se readmita á traballadora

De xeito paralelo, desenvólvense as negociacións e a mediación no AGA
Este mércores tivo lugar unha nova xornada de mobilizacións na limpeza do CHUAC en demanda de convenios dignos, contra os recortes laborais e salariais e pola readmisión da traballadora despedida por Valoriza Facilities.
28/5/14.

Lois Soto, da CIG-Servizos da Coruña, sinalou que proseguen as conversas e a mediación no AGA, mais as protestas continuarán até que se asinen os convenios colectivos que se están a negociar e se reincorpore á compañeira despedida por Valoriza Facilities, só por terse acollido a baixas de curta duración.

Esta empresa (do Grupo Sacyr Vallehermoso) accedeu o pasado novembro á concesión do servizo de limpeza do Hospital Abente y Lago, do Materno Infantil e do Hospital Marítimo de Oza concursando á baixa, incluso ofrecendo 28.000 horas gratuítas para limpezas extraordinarias.

A primeira decisión que adoptou foi denunciar o convenio colectivo (de vixencia indefinida) “coa única intención de recortar dereitos e condicións laborais para compensar, a conta das traballadoras e traballadores, as posíbeis perdas por ter concursado á baixa”.

En plena negociación, Valoriza Facilities (despediu a unha das traballadoras da quenda de tarde do Hospital Materno Infantil, recorrendo aos aspectos máis regresivos da reforma laboral.

A isto engádense os incumprimentos do convenio vixente no referido á mobilidade do persoal, á modificación unilateral dos cadros de traballo, a falta de abono dos días de vacacións e dos graos da carreira profesional (a pesares de existir sentenzas firmes) ou a negativa da empresa a dar días de libre disposición.