Concentración en AFAL Ferrolterra polo despedimento dunha traballadora

A CIG-Servizos entende que se trata dunha represalia polo apoio do persoal á candidatura da CIG nas eleccións
A CIG-Servizos realizou este xoves unha concentración diante do centro de AFAL Ferrolterra situado na rúa Río do Castro en protesta polo despedimento dunha traballadora. Ao entender da Federación da CIG, esta medida, totalmente inxustificada, é unha represalia da empresa polo apoio maioritario que recibiu á candidatura da central nacionalista nas eleccións do pasado abril.
29/5/14.

Neste senso, Rocío Doce, da CIG-Servizos Ferrol, subliña que dende que a CIG gañou as eleccións a presión sobre as traballadoras e os traballadores tense agudizado, empeorando as condicións e o clima laboral.  De feito, no último mes, a empresa recortou en trinta minutos o tempo que o persoal destinado na Casa do Mar tiña para xantar (agora só dispón de media hora) e comezou a cobrarlles pola comida do catering que serven nas instalacións.

Porén, a situación máis grave deuse esta mesma semana co despedimento dunha traballadora, afiliada á CIG, e recoñecida por defender os dereitos das súas compañeiras e compañeiros e por dar a súa opinión á dirección sobre aquelas cuestións organizativas que considera pouco racionais ou ilóxicas. Na carta de despedimento aléganse precisamente faltas de respecto á dirección para xustificar a medida, mais non se especifica nin cando nin que dixo a traballadora, polo que a propia empresa recoñece a improcedencia da rescisión do contrato.

Por iso, dende a CIG-Servizos, teñen claro que o despedimento responde a unha represalia contra o persoal por ter votado á CIG, nun intento de amedrentar as traballadoras/es, e minorar a presenza  da central nacionalista na empresa.

Doce xa adiantou que se vai denunciar o despedimento xudicialmente e como medida de protesta, coincidindo coa xuntanza anual, realizouse unha concentración ás portas do centro para dar a coñecer aos socios e socias da Fundación os métodos e as políticas empregadas pola dirección.