Paro total e protestas no Concello de Vigo, Fogasa e Xunta na primeira xornada de folga en Pórtico

A totalidade do cadro de persoal de Pórtico secundou hoxe a primeira xornada de folga convocada en defensa do emprego na compañía viguesa e levou a cabo concentracións de protesta diante do Concello de Vigo, na sede do Fondo de Garantía Salarial (Fogasa) e na delegación da Xunta. O comité de empresa mantivo unha xuntanza co alcalde para trasladarlle a súa preocupación polo futuro da empresa e entregou un escrito no Fogasa reclamando unha reunión co secretario xeral.
05/6/14.

A convocatoria de folga afectou os 110 empregados/as que forman parte da empresa Pórtico na provincia de Pontevedra e desenvolveuse en horario de 10 a 15.00 horas. Os paros continuarán os días 10 e 12 de xuño no mesmo horario.

Na xornada de hoxe levaron as súas protestas en primeiro lugar ao Concello de Vigo, onde unha representación do comité mantivo unha xuntanza co alcalde para trasladarlle a preocupación do cadro de persoal polo futuro da empresa. Arredor das 11.30 horas trasladáronse até a delegación do Fogasa na rúa Venezuela. Alí fixeron entrega dun escrito solicitando unha reunión co secretario xeral do organismo estatal.

A continuación desprazáronse en manifestación polas principais rúas da cidade até o edificio da Xunta, onde berraron consignas como “Facenda e Fogasa déixannos na casa” ou “Pórtico solución”.

Novas xornadas de folga e mobilizacións

De igual xeito, o cadro de persoal aproveitará as novas xornadas de folga para realizar máis mobilizacións. Así, o martes 10 levarán a cabo unha concentración diante do Fogasa de 11.00 a 15.00 horas, mentres que o xoves 12 o lugar escollido para protestar será a delegación da Xunta na cidade, onde se concentrarán ás 11.00 horas para saír media hora despois en dirección ao Concello. Alí permanecerán até as 12.30 horas, cando se dirixan ao Fogasa para desenvolver unha protesta até as 15.00 horas.

Galería de imaxes

Video