Concentración diante do Concello de Narón para a readmisión da traballadora despedida por SAMYL

A empresa trasladou a empregada de Concello e logo despediuna alegando que non tiña carga de traballo
Arredor de cen delegados e delegadas da CIG concentráronse este xoves diante do Concello de Narón para reclamar a readmisión dunha traballadora despedida por SAMYL e esixir a implicación do goberno municipal nesta reivindicación, xa que é o titilar da contrata.
12/6/14.

A empresa, que ten a concesión da limpeza de interiores dos edificios do Concello de Narón, despediu a unha empregada hai uns meses, alegando que non tiña carga de traballo para ela. A traballadora afectada, explica o co-reponsábel comarcal da CIG de Ferrol, Xesús López Pintos, levaba dende 2010 desenvolvendo a súa actividade como limpadora en dous colexios de Narón e foi subrogada por SAMYL cando accedeu a concesión do servizo.

Porén, tan só dous meses despois, a empresa trasladou a traballadora a un colexio de San Sadurniño, decisión contra a recorreu, mais que o xulgado entendeu favorabelmente á empresa.

O verdadeiro problema chegou cando, seis meses máis tarde, SAMYL comunicou o despedimento da traballadora, alegando que en San Sadurniño non tiña carga de traballo suficiente.

Á vista da situación, apunta Pintos, presentouse demanda xudicial contra a rescisión do contrato e mantívose unha xuntanza cos grupos de goberno do Concello de Narón (TeGa, PSOE, BNG, Converxencia Galega) e mais co PP, na oposición, para pedir que dende a Corporación se obrigue a empresa a readmitir á traballadora, todavez que o posto de traballo que ocupaba en Narón non foi cuberto, mentres que a traballadora está no paro.

Finalmente, esta cuestión non foi tratada, polo que hoxe, coincidindo coa xuntanza da Comisión de Goberno, a CIG realizou unha concentración ás portas do Concello de Narón. Neste senso, Pintos lamentou que ningún representante político, agás do PP, “tivese a dignidade de achegarse a falar con nós”, advertindo que “seguiremos na loita para que se faga xustiza con esta traballadora”.