CIG-Servizos denuncia reiterados incumprimentos na xestión do centro de día da Casa do Mar de Ferrol

Lembran que a dirección de AFAL subiu ás cotas, reduciu actividades e executou seis despedimentos improcedentes
A CIG-Servizos de Ferrol, co galo da próxima asemblea de socios/as da Asociación Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias -AFAL Ferrolterra, vén de pór en evidencia os incumprimentos co proxecto presentado pola actual dirección para a xestión do centro de día da Casa do Mar, así como os despedimentos e os problemas laborais que padecen as/os traballadoras/es.
25/6/14.

A asociación AFAL é unha entidade sen ánimo de lucro que leva en funcionamento desde o ano 1997. Na actualidade xestiona dous centros de dia: un deles privado (sito na rúa Río Castro) e o centro de día da rede pública de alzheimer de Ferrol, que acadou mediante concurso público (Casa do Mar) no ano 2010.

Nos 2010-2013 a entidade obtivo beneficios, a pesares do que, explican dende a CIG-Servizos de Ferrol, non se cubriron as vacacións do persoal, o que repercutiu directamente na sobrecarga de traballo e ademais, “subíronse as cotas aos/ás socios/as e reducíronse actividades destinadas aos usuarios/as, como é o caso das saídas terapéuticas”.

Igualmente, con estes beneficios asumíronse 6 despedimentos improcedentes dende o ano 2010 (pagando nalgún caso 7.000€ de indemnización). O último destes despedimentos produciuse o pasado 28 de maio, un día antes da asemblea anual de socios/as, que continuará o xoves 26 de xuño ás 17:30 horas.

Na actualidade, denuncia Rocío Doce, existe unha mala xestión do centro de día da rede pública, xa que non se cumpre co proxecto presentado a concurso. Incumprimentos que, sinala, se concretan nos seguintes puntos:

1°._ Non se ofrecen algúns dos programas ofertados ás persoas usuarias nin os servizos destinados de xeito directo ás familias, así como os programas de atención domiciliaria como son: adaptación do entorno, valoración xerontolóxica, rehabilitación física, control da medicación, estimulación cognitiva, cátering, lavandería e aseo.

2°._ Algunhas familias vense afectadas polo feito de que non se lles ofrece transporte, a pesares de que nos pregos de prescricións administrativas figura que é de abrigada prestación para os usuarios e usuarias que o necesiten para acudir ao centro.

3°._ Non se cumpre coa ratio esixido polo decreto de creación de centros de alzheimer (que é de 0'25) nin o declarado en concurso público, que no caso dos/as xerocultores/as sería de 13'5 traballadores/as, o que repercute directamente na atención directa ás usuarias e aos usuarios.

4°._ As contas do centro de día da rede pública dan un saldo negativo. Aínda que os/as traballadores/as cobran por convenio, deste custe, arredor do 25%, corresponde ao cargo da Directora, que duplica o salario establecido por convenio para esta categoría.

5°._ A Presidenta da asociación -que tamén desempeña o cargo de directora anteriormente mencionado-, “non posúe a formación ou a experiencia esixida no artigo 8 do Real Decreto 19/2008 do 7 de febreiro polo que se crea a rede Galega de Centros de Día de atención social para persoas con alzheimer”, asevera Rocío Doce.

Aínda que alega no proxecto presentado por ela propia, que conta con doce anos de experiencia en xestión de servizos sociais, “cando realmente esa experiencia corresponde á presidencia dunha asociación”.

A este respecto, a CIG-Servizos denuncia que a directora-presidenta incumpre, ademais, as oito horas de dedicación diaria no Centro de Día e as responsabilidades presentadas no mesmo concurso como son as de: execución e control do orzamento e do persoal, e o programa de formación; funcións que actualmente ‘desempeña’ a súa filla como supervisora, cobrando como tal a pesares de que non conta con experiencia nin formación no sector sociosanitario, duplicando así os cargos de organización do centro así como os seus custes”.

Fronte a esta situación, dende a Federación de Servizos da CIG “queremos deixar claro que non irnos consentir este tipo de comportamento a ningunha empresa nin asociación, xa que as axudas e bonificacións que reciben saen dos petos de todos os cidadáns e todas as cidadás”.