Concentración contra a persecución sindical ao delegado da CIG no Casino Ferrolano

O traballador, que vén exercendo o seu labor como representantes do persoal dende hai 20 anos, está de baixa a causa da presión
Arredor dun cento de delegados e delegadas da CIG concentráronse na mañá deste mércores ás portas do Casino Ferrolano (situado na céntrica rúa Real) en rexeitamento á persecución sindical que a entidade está a practicar contra o delegado da CIG.
25/6/14.

Dende a CIG-Servizos explican que o traballador leva exercendo o seu labor como representante do persoal do Casino dende hai 20 anos sen incidentes, pero hai catro anos, coincidindo coa entrada do novo presidente, comezou unha persecución brutal contra o delegado da CIG e incluso contra empregados/as afiliados/as ou simpatizantes á central nacionalista, que mesmo derivou en despedimentos.

Este acoso continuado provocou que o delegado sindical tivera que coller unha baixa por non poder soportar a presión. De feito, sinalan dende a CIG-Servizos, o responsábel do Casino pretendeu facer unha manobra con xente allea á entidade para abrirlle expediente ao traballador e despedilo.

Para denunciar esta situación e as prácticas da presidencia do Casino, este mércores desenvolveuse unha concentración que, advirte Rocío Doce, da CIG-Servizos, “repetiremos diante de calquera empresa que recorra a este tipo de prácticas para sacarlles a careta e que se saiba que tipo de empresariado temos en Ferrol”.