Urbaser boicota a resolución despedindo o Comité de Folga e sancionando máis de 60 traballadores/as

Logo de 16 días de folga, a empresa radicaliza a súa postura de non negociación
Na xornada 16 de folga na recollida de lixo de Lugo, Urbaser afonda a súa posición contraria á negociación e a unha pronta resolución conflito despedindo a 11 traballadores/as (os membros do Comité de Folga aos que abriu expediente disciplinario durante os primeiros días do paro) e sancionando a máis de 60 persoas por falta moi grave coa suspensión de emprego e soldo durante dous meses.
25/6/14.

O Comité de Folga tivo noticia desta medida cando estaba reunido coa dirección da empresa e a piques de chegarse a un acordo entre as partes para o estabelecemento dos servizos mínimos. A negociación iniciárase na noite do martes e continuou na mañá deste mércores, despois de que a empresa aceptara, cuns pequenos matices, a contraproposta de servizos mínimos presentada polos/as traballadores/as e de que o Comité de Folga pedira por escrito un compromiso de que Urbaser ía acudir á mediación.

Neste senso, cómpre lembrar que o sábado pasado a dirección non apareceu na reunión instada polo AGA para tentar desbloquear o conflito, e na véspera boicoteou a entrega dos puntos de risco sanitario ao cadro de persoal para que non se fixera a  recollida do lixo.

Porén, a punto de acadarse o acordo, os membros do Comité de Folga tiveron noticia dos despedimentos e as sancións, polo que inmediatamente abandonaron a mesa. Se até agora o persoal estaba aberto á negociación sen condicións previas, agora, os/as traballadores/as xa advertiron que non dialogarán mentres non se garanta a readmisión de todos os compañeiros e compañeiras e a suspensión da sancións.

A empresa propiedade de Florentino Pérez repite o método utilizado no primeiro día de folga, cando comunicou o despedimento de 11 traballadores/as, que finalmente foron readmitidos/as. Deste xeito, consegue que a reivindicación por un convenio colectivo xusto quede relegado e a prioridade inmediata sexa a loita pola readmisión dos compañeiros e compañeiras.

A maiores, este brutal ataque laboral evidencia o escaso interese de Urbaser pola cidadanía de Lugo, xa que supón deixar tamén sen  persoal suficiente ao servizo de recollida de lixo para garantir sequera a cobertura dos servizos mínimos.

Ás nove deste serán está convocada unha asemblea de traballadores/as para avaliar estes feitos e decidir a acción a levar adiante, á vista desta brutal manobra por parte de Urbaser, que dinamita con estas medidas calquera posíbel entendemento.

Así as cousas, mañá xoves está convocada unha concentración ás 13:30 horas diante do Concello de Lugo, coincidindo coa xunta de voceiros/as

Comunicado da CIG-Lugo A Mariña

Diante dos últimos acontecementos, a CIG-Lugo A Mariña vén de emitir un comunicado que pasamos a reproducir á integra:

Desde A CIG Lugo - A Mariña queremos amosar o noso máis absoluto rexeitamento ás brutais medidas que no día de hoxe tomou a empresa Urbaser no medio dun conflito laboral como o que se esta a desenvolver nestes momentos en Lugo.

Entendemos que esta acción de Urbaser supón dinamitar un conflito que xa de por si estaba nun estado moi delicado. Esta acción de Urbaser é unha absoluta puñalada ao proceso de negociación para solventar o conflito, negociación á que por certo o cadro de persoal sempre estivo aberta. Mais foi a empresa, que por dúas veces, deu plantón ao Consello Galego de Relacións laborais, quen sempre se amosou pechada a calquera negociación, tentando desde o inicio da Folga o amedrentamento do persoal así como a súa condena social ao non permitir durante máis dunha semanasemana a saída de camións a recoller lixo, pretendendo que todo o peso da conflitividade social xerada polo conflito recaerá sobre os/as traballadores/as.

Urbaser esta a amosar a súa condición de "empresa gánster" e durante o conflito todas as súas acción foron de amedretamento do persoal e da súarepresentación sindical, mesmo chegando a atropelar nun paso de peóns regulado por semáforos a unha sindicalista. Igualmente amosan un talante deleznábel e mafioso, carente do mais mínimo escrúpulo, como o amosa o feito de sentarse hoxe a negociar uns servizos mínimos cun comité de Folga ao que previamente tiñan despedido, coñecendo estes da situación dos seus despedimentos mentres estaban na mesa.

Desde a CIG entendemos que este é un ataque absolutamente brutal e salvaxe ao marco de negociación e relacións en calquera conflito laboral e como tal imos defendernos dentro de todos os marcos e vías legais que no sexa posíbel.

Queremos tamén demandar ao Concello de Lugo a que dunha vez por todas tome as medidas que corresponden, que non poden ser outras que a rescisión da contrata, fronte a unha empresa que leva todo un proceso de conflito laboral boicoteando calquera saída negociada ao mesmo e criminalizando ao persoal. Unha empresa que cobra relixiosamente todos os anos o correspondente prezo pola concesión coa s correspondentes subas do IPC, mais que pretende rebaixar o salario e precarizar as condicións laborais dos seus traballadores e traballadoras.

Denuncia contra concellos e empresas

A terceira semana de folga comezaba coa denuncia do Comité de Folga contra os catro alcaldes dos Concellos de Lugo, Portomarín, Pol e A Pastoriza e as empresas Tragsa, Caravana e Hermanos Blanco Trigo por vulneración do dereito á folga, xa que efectivos destas empresas estiveron a facer a recollida de lixo na cidade de Lugo, de xeito paralelo á actividade que desenvolvían os traballadores e traballadoras de Urbaser para retirar os residuos nas zonas decretadas de risco sanitario.

Ademais dos camións dos concellos, o resto de medios utilizados, explicaba Carme Antas, non reúne as condicións que marca a normativa para o transporte de residuos sólidos urbanos, xa que se trata de camións de caixa aberta. Ademais, na denuncia presentada na Comisaría tamén se especifica que se require autorización administrativa para este tipo de actividade e para o ámbito xeográfico no que se pode realizar. “Pensamos que ningún dos vehículos que estivo recollendo o lixo cumpre con esa norma”.

Antas matizaba que de existir algún atraso na recollida do lixo nos puntos marcados, isto débese aos atracos postos pola propia empresa, que o venres “nunha manobra traicionera, negou que existía unha acta con declaración de situacións de risco ao Comité de Folga”. A única razón que a sindicalista ve para esta artimaña da dirección é a de crear artificialmente un argumento para negarse a sentar o sábado na reunión instada polo AGA.

A este respecto, criticou a actitude da dirección de Urbaser que “está todos os días intoxicando a opinión pública, que se atreve a instar unha mediación que se convoca dúas veces e nas dúas non comparece, e ademais pon ao cadro de persoal nunha situación na que se lles pode acusar de non cumprir co ofrecemento que fixeron dende o primeiro día de folga”.

Ante isto, demandou da empresa que amose de unha vez que ten verdadeira intención de dar unha solución ao conflito e do goberno municipal que “inste á empresa a sentar a negociar, porque a parte social xa acudiu dúas veces a negociar para recibir un plantón da dirección de Urbser”. 

Video