O Comité de Empresa de Urbaser de Compostela valora a posibilidade de convocar folga indefinida

Ten que ser ratificada en consulta ás traballadoras e traballadores
O Comité de Empresa de Urbaser de Compostela, reunido en xuntanza extraordinaria polos despedimentos dos compañeiros de Lugo, valorará a posibilidade dunha convocatoria de folga indefinida nas próximas datas, por mor das negociacións do seu convenio e en solidariedade coa loita dos compañeiros de Lugo, unha vez sexa ratificada en consulta aos traballadores e traballadoras.
26/6/14.

En Compostela tamén se está a negociar o convenio colectivo, e ao igual que en Lugo, “a empresa o único que pretende é recortar dereitos para aumentar os seus beneficios a conta do persoal e a conta da cidadanía de Compostela” denuncia o secretario comarcal da CIG-Servizos de Compostela, Roberto Alonso.

A isto engade que, porén, “séguese a pagar o mesmo á contrata do Concello”, que non tivo redución de ningún tipo e “séguese a cobrar o mesmo ás veciñas e veciños de Compostela” que tampouco viron reducidos, nin os seus impostos, nin as facturas a pagar.

Alonso lembra que en Compostela tamén hai dous compañeiros que foron despedidos e que a empresa non quere readmitir.

O Comité ten claro que o que acontece en Lugo é unha mostra da actitude de Urbaser, que pretende amedrentar a todas e todos os traballadores do grupo e nomeadamente aos de Compostela que, no proceso de negociación do convenio, estanse negando a asumir os recortes de dereitos que pretende impor a empresa e poderían ser os seguintes en convocar folga.

O Comité denuncia que a empresa está vulnerando claramente o dereito de folga e asegura que malia a súa actitude, non vai conseguir intimidalos. “Todo o contrario, obríganos a dar un paso adiante na defensa dos nosos dereitos”. A isto engaden que o persoal de Compostela mesmo está preparado para afrontar os despedimentos que se puideran producir en represalia ás súas demandas.

Xunto a isto lamentan que, máis unha vez, sexan os e as cidadás quen teñan que “padecer esta loita pola avaricia duns poucos, nomeadamente Florentino Pérez, presidente do Grupo”.