O Comité de Folga de Urbaser e as centrais sindicais presentan unha moción solicitando o rescate e municipalización do servizo

Piden á Corporación local que inste á empresa a inmediata readmisión dos despedidos/as e á retirada de todas as sancións
“Rescate do servizo” foi a petición que os traballadores e as traballadoras de Urbaser transmitiron este xoves ao Goberno municipal, logo do ataque laboral perpetrado onte pola dirección da empresa. O persoal concentrouse diante da Casa do Concello con motivo da celebración da xunta de voceiros/as, mentres o Comité de Folga e as centrais sindicais con representación (UGT, CIG e USO) rexistraban unha moción para que se debata por vía de urxencia no pleno do vindeiro luns.
26/6/14.

En dita moción, os traballadores e as traballadoras solicitan da Corporación municipal de Lugo un acordo para instar á empresa Urbaser a que proceda de inmediato á readmisión do Comité de Folga e a decretar a nulidade das sancións impostas ao resto de traballadores e traballadoras e piden tamén que dende o Concello se demande á empresa que sente a negociar coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais para acadar unha resolución do conflito.

De non ser así, a representación do persoal pide ao Goberno municipal que, de unha vez, inicie os trámites de rescate do servizo e a súa posterior municipalización, á vista dos incumprimentos de Urbaser a da política empresarial que está a pór en práctica.

No escrito da moción, lémbrase que desde o inicio da folga, e xa con anterioridade, a empresa veu amosado unha “rotunda vontade negativa” a estabelecer calquera marco de negociación para solucionar o conflito. Pola contra, denuncian, “optan sempre por medidas represivas e de amedrentamento do persoal e boicoteando a recollida de lixo en servizos esenciais e puntos de alerta sanitaria para criminalizar ao conxunto dos traballadores e traballadoras diante da opinión pública”.

Advirten que a empresa está “ xogando cos intereses e salubridade do conxunto da cidadanía de Lugo para así favorecer os seus intereses, moi posiblemente non só en Lugo, senón no conxunto do Estado español, algo absolutamente inaceptábel para unha empresa que ten contratado a prestación dun servizo público esencial como é a recollida de lixo e limpeza viaria urbana”.

A este respecto, as traballadoras e os  traballadores reiteraron que se até agora estaban dispostos a dialogar sen condicións, a partir de agora só sentarán negociar no marco da mediación do Consello Galego de Relacións Laborais e coa condición de que a empresa readmita os/as compañeiros/as despedidos/as e retire as sancións impostas a máis de 60 traballadores/as.

Encontro coa voceira do BNG

A voceira do BNG, Paz Abraira, foi a única representante da Corporación municipal que saíu ao exterior do concello para reunirse cos traballadores e traballadoras de Urbaser e explicar o contido da Xunta de voceiros/as. Abraira afirmou que " resultou moi clarificadora en canto á postura de PP e PSOE sobre esta folga" e que as dúas formacións políticas “están do lado da empresa e non lles preocupa a sorte dos 11 despedidos/as como dos/as 60 expedientados/as non vai con eles".  Lembrou que "Urbaser está utilizando todos os mecanismos que ten ao seu alcance para dobregar ao cadro de persoal" e que "as normas que utiliza Urbaser foron, por certo, aprobadas no estado tanto polo PP como polo PSOE".

A voceira nacionalista afirmou que a única preocupación que manifesta o alcalde é a de "blindar a casa para que non lle protesten dentro", unhas palabras que foron acompañadas polos berros dos/as traballadores/as demandando a dimisión de Orozco. Sobre o Partido Popular, sinalou que a "única preocupación pasa por saber cales son os puntos da cidade nos que se declara a alerta sanitaria".

Continúan as mobilizacións

Para a xornada de maña, venres, está prevista ás 10:00 horas unha marcha dende as instalacións da empresa até o centro de Lugo con reparto de follas informando á cidadanía das “verdadeiras razóns polas que seguimos en folga”.

Ademais, dirixiranse aos Secretarios Xerais das tres centrais sindicais (UGT, CIG e USO) para solicitar que acorden e concreten unha data de cara a convocar unha gran manifestación nacional en Lugo de apoio á loita dos traballadores e as traballadoras de Urbaser.