O persoal de Urbaser denuncia diante da Inspección de Traballo a vulneración do dereito á folga

Camións escoltados pola policía e traballadores/as substituíndo aos folguistas recolleron o lixo a pasada noite
O persoal de Urbaser, que continuou este venres coas mobilizacións, presentou unha denuncia diante da Inspección de Traballo por vulneración do dereito á folga. A pasada noite a empresa sacou das instalacións catro camións de carga lateral que foron baleirando os contedores. Un traballo que desenvolveron traballadores con roupa da empresa, escoltados pola policía, co obxectivo de substituír aos que están en folga.
27/6/14.

Carme Antas, da CIG-Servizos de Lugo explica que pasadas as dúas da madrugada apareceu unha grande cantidade de policía escoltando a estes traballadores, chegados nun furgón, para saír a recoller o lixo.  “Sabemos que son de Urbaser, porque estiveron traballando con roupa da empresa, pero non sabemos se foron contratados expresamente para vir traballar substituíndo a traballadores/as en folga ou foron desprazados doutras delegacións”.

 Isto provocou a presentación, hoxe mesmo, dunha denuncia por vulneración do dereito á folga diante da Inspección de Traballo, na que se solicita que se identifique a todos estes traballadores para saber a súa procedencia.

Antas explica que todos os camións están aparcados diante da policía local e “estamos pendentes para, cando saian, avisar ao Inspector que está de garda para constatar que se están substituíndo traballadores en folga por outros traballadores”.

Alén disto, pola mañá fixeron unha marcha informativa polo centro de Lugo, repartindo folletos entre a cidadanía explicando os motivos da convocatoria de folga e a actuación da empresa.

Posteriormente mantiveron un encontro coa concelleira do BNG Paz Abraira, ás portas do Concello xa que, tal e como se comprometera, rexistrou a moción que onte o Comité de Folga entregara aos grupos pedindo a rescisión da contrata para así poder debatela en pleno. O persoal de Urbaser de Lugo solicita da Corporación municipal de Lugo un acordo para instar á empresa Urbaser a que proceda de inmediato á readmisión do Comité de Folga e a decretar a nulidade das sancións impostas ao resto de traballadores e traballadoras e piden tamén que dende o Concello se demande á empresa que sente a negociar coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais para acadar unha resolución do conflito.

Carme Antas salienta ademais a valoración moi positiva dos traballadores/as de Urbaser de Compostela, logo de anunciar o Comité a posibilidade de convocar folga tamén na capital de Galiza. Unha decisión que está pendente de ratificación por parte do persoal.

Galería de imaxes