O Comité de Folga de Urbaser denuncia a existencia dun vertedoiro ilegal de lixo nunha finca do Ceao

Afirman que a retirada dos residuos demostra as constantes “actuacións irregulares do Concello e a empresa"
O Comité de Folga de Urbaser presentou denuncia diante da Policía Autonómica o pasado sábado, logo de detectar a existencia dun vertedoiro ilegal no que se acumulaban sobre 80 toneladas de lixo. Tan só un día despois, na tarde do domingo comezaban as tarefas para a retirada dos residuos, un feito que para o Comité demostra a “absoluta ilegalidade deste vertedoiro” e clarifica “as constantes actuacións irregulares por parte do Concello e Urbaser” dende que deu inicio a folga indefinida.
30/6/14.

Segundo as informacións das que dispón o Comité de Folga, o lixo foi acumulado pola empresa Tragsa nunha finca do Polígono do Ceao cando a planta de Sogama se atopaba pechada (o lugar do vertedoiro atópase entre dita planta e o punto limpo). Para a representación do persoal este flagrante incumprimento da normativa sanitaria, ambiental e de residuos sólidos urbanos vén indicar que “nin o Concello, nin Tragsa, nin Urbaser están  a actuar neste conflito conforme a un interese de risco sanitario”.

Só un día despois de presentada a denuncia, procedíase á retirada do lixo con maquinaria pesada, unha pala e camións articulados. A este respecto, o Comité de Folga entende que a rapidez destas actuacións “amosa a absoluta ilegalidade de dito vertedoiro e vén clarificar as constantes actuacións ilegais e irregulares que desde o Concello de Lugo e desde Urbaser están a desenvolver desde que comezou o conflito, co claro obxectivo de entorpecer a folga e vulnerar os dereitos dos traballadores e traballadoras á mesma”.

Igualmente, dende a representación do persoal resaltaron que tras do anuncio feito na asemblea de traballadores/as celebrada na noite do sábado, de que hoxe mesmo se procedería a preguntar por escrito no Concello quen deu orde de manter nunha finca municipal a carón da sede da Policía Local os camións de Urbaser, e incluso coches propiedade de directivos desta empresa; tamén se procedeu á retirada dos mesmos na xornada do domingo.  

“Estas situacións aclaran cal é o posicionamento do Goberno municipal neste conflito, onde sempre actuaron con complicidade e en apoio dos intereses de Urbaser. Mais dende o Comité de Folga seguiremos a acometer as medidas necesarias para clarificar onde esta orixe destes feitos, tanto o de almacenar o lixo nun vertedoiro ilegal como o de custodiar con medios públicos vehículos dunha empresa privada e de directivos da mesma”, advirten

Do mesmo xeito, dende o Comité de Folga reiteraron que no caso de detectar “condutas ilegais nas tomas destas decisións, ademais de esixir as responsabilidades políticas oportunas actuaremos pola vía xudicial se é preciso”.

Debate da moción

Este luns, os traballadores e traballadoras levarán as súas protestas até as portas do Concello, coincidindo coa celebración do pleno no que está previsto se debata a moción na que o Comité solicita da Corporación municipal de Lugo un acordo para instar a empresa Urbaser a que proceda de inmediato á readmisión dos despedidos/as e a decretar a nulidade das sancións impostas, que inste a empresa a que sente a negociar coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais para acadar unha resolución do conflito e, en caso contrario, que proceda ao rescate do servizo.

Máis información sobre este conflito