Logo de tres semanas de folga, Urbaser senta a negociar por primeira vez cos traballadores/as

Ambas partes quedaron emprazadas a unha nova xuntanza este xoves, coa presenza do mediador
Logo de 23 días de paro, denuncias reiteradas por parte do Comité por vulneración do dereito á folga e coa perspectiva de reclamar a readmisión do persoal despedido e a retirada de todas as sancións impostas, traballadores/as e representantes de Urbaser reuníronse por primeira vez esta xornada coa presencia dun mediador, quedando emprazadas ambas partes a unha nova xuntanza para mañá, xoves.
01/7/14.

Carme Antas, da CIG-Servizos de Lugo, destacaba o feito de que por primeira vez dende o inicio do conflito ambas partes fosen capaces de xuntarse a falar, contando, tal e como se pedía dende a parte social, coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais.

Aínda que na xuntanza non se avanzou na negociación do convenio, si se aproveitou para tratar cuestións previas (como a readmisión do persoal, a retirada das sancións, os servizos mínimos, etc.). Neste senso, Antas, con moito cautela e á espera do que dea de si o encontro de mañá, valoraba positivamente o cambio de actitude detectado na empresa. “Cando menos variaron o talante, as formas e o respecto cara aos traballadores e traballadoras”, sinalaba.

A xuntanza producíase como continuación da breve reunión celebrada na tarde do luns, tras do pleno municipal no que tanto PSOE como PP votaron en contra da moción presentada polo BNG, que daba traslado o texto remitido aos grupos da Corporación  polos/as traballadores/as.

Unha moción na que se solicitaba un acordo da Corporación para instar a empresa a readmitir ao Comité de Folga, retirar as sancións e sentar a negociar no marco do CGRL; e no caso contrario, iniciar os trámites precisos para a municipalización do servizo.

Así as cousas, a folga continúa adiante mentres dende a representación do persoal reiteran a vontade negociadora mantida dende o inicio do conflito, a pesar de que a empresa non acudiu até en dúas ocasións á convocatoria de mediación, tomou como primeira medida o despedimento de 11 traballadores/as aos que finalmente readmitiu, para de seguido, despedir a todo o Comité de Folga e sancionar a máis de 60 operarios/as; iso sen contar que desatendeu a proposta da parte social de servizos mínimos até deixar a cidade nunha situación de caos e con moitas zonas en risco sanitario.

Ao tempo que dende o Concello se impoñían uns servizos mínimos abusivos e se vulnera de xeito continuado o dereito á folga contratando a unha empresa para facer a recollida do lixo.

Máis información sobre a folga en Urbaser Lugo