Pecha o complexo deportivo Bamio e deixa na rúa 10 persoas às que se adebeda seis meses de salario

O complexo deportivo Bamio de Ourense pechou definitivamente as súas portas onte luns ás 11.00 horas, deixando na rúa aos 10 traballadores/as que compoñen o actual cadro de persoal e aos que se lles adebedan até seis meses de salarios.
01/7/14.

Dende a CIG-Servizos de Ourense explican que o grupo de empresas que xestionaba estas instalacións deportivas entrou en concurso de acredores a principios do mes de xuño e, a vista da situación económica, o administrador concursal decidiu o peche definitivo ante a inviabilidade de recuperación.

Tamén lembran que o complexo deportivo iniciou a súa actividade en xullo de 1989 e que a súa historia está marcada por un continuo cambio do conxunto de accionistas “con loitas internas cuxa prioridade foi o lucro persoal dalgúns e co resultado dunha nefasta xestión empresarial en prexuízo dos seus traballadores/as, até chegar a esta situación”.

Finalmente, dende o punto de vista laboral salientan a folga de 42 días de duración convocada polo cadro de persoal en 1999 para reclamar un convenio colectivo xusto.