Traballadores/as de toda Galiza percorreron Lugo en solidariedade coa loita do persoal de Urbaser

Denunciarán por vía penal à empresa e a Orozco, en canto a Inspección constate que se vulnerou o dereito á folga
Centos de persoas chegadas de toda Galiza participaron este sábado na manifestación convocada en solidariedade cos traballadores e traballadoras de Urbaser de Lugo, para arroupalos/as na súa loita e reclamar a readmisión dos/as despedidos/as, a anulación das máis de 66 sancións impostas e a sinatura dun convenio digno. En representación da CIG Paulo Carril, secretario de Organización, expresou o apoio incondicional da central sindical, animou ao cadro de persoal a non dar “nin un paso atrás” e a resistir nas súas xustas reivindicacións.
05/7/14.

Carril salientou o exemplo de “dignidade” dos traballadores e traballadoras de Urbaser, en folga desde hai xa 25 días, coa súa resposta á dureza “dunha patronal, dun goberno e unhas políticas neoliberais que nos queren destruír”.

Denunciou a reforma laboral na que se están a amparar “recoñecidos terroristas patronais” para aplicar drásticos recortes de dereitos sociais e laborais, que teñen graves consecuencias para as condicións de vida das e dos traballadores. Reforma na que se amparan tamén para “desmantelar os convenios colectivos logo de anos de loita obreira”.

Denunciou ademais que esa patronal  é “fiel reflexo da obscenidade deste sistema, da avaricia do capital por acumular riqueza e grandes fortunas a custo de empobrecer e precarizar as nosas condicións de vida”.

Lembrou quen son Florentino Pérez e Urbaser, e denunciou como os poderes públicos: concello de Lugo e Xunta de Galiza, están a actuar como “servís criados deses intereses” facéndolle o xogo “con Orozco á cabeza” ás actitudes “mafiosas, caciquís e á chulería e as mentiras de Urbaser”. Por iso chamou a non dar “nin un paso atrás” e advertiu de que “nos terán en contra, porque neste conflito, temos que continuar até conseguir vencer”.

A CIG de Lugo valorou moi positivamente a mobilización pola importante participación nesta manifestación, a solidariedade manifestada polas persoas chegadas de toda Galiza para dar o seu apoio e polo respaldo de diferentes colectivos e organizacións políticas á loita das traballadoras e traballadores de Urbaser de Lugo.

Neste sentido, un dos representantes dos traballadores/as de Urbaser fixo especial mención ao papel xogado polo BNG desde o primeiro día de folga e en concreto á concelleira nacionalista Paz Abraira, á que agradeceu ademais ter defendido a moción presentada no concello de Lugo.

A representante da CIG-Servizos, Carme Antas, salientou ademais que con esta mobilización “puidemos demostrar á cidadanía de Lugo, a Urbaser e ao alcalde, Xosé López Orrozco, o apoio e a unidade do cadro de persoal de Urbaser neste conflito que dura xa 25 días e que por moito que pensen que por aguantar nos van facer desistir desta loita están absolutamente equivocados”.

Antas advertiu que con cada paso que dan intentando vulnerar os dereitos das e dos traballadores “a unión é cada vez máis forte” e subliñou que este conflito non queda máis que resolvelo, “pola vía da negociación, coa readmisión dos traballadores, a  anulación das sancións e a sinatura dun convenio colectivo xusto, que non recorte dereitos e salarios do persoal de Urbaser” ou, do contrario, “ao concello de Lugo non lle vai quedar outra que rescatar a concesión e mandar a Urbaser de novo para Madrid porque seguramente xa non tiña que ter entrado nesta cidade”, afirmou.

Denunciou a política laboral que vén desenvolvendo Urbaser, “de atentar contra os dereitos dos traballadores” e lembrou os numerosos exemplos que se deron en moitas cidades do estado español e tamén da Galiza. Así salientou, como maior expoñente destes conflitos, a loita que levaron a cabo as traballadoras e traballadores de Alabada da Coruña.

Urbaser “minte”

A representante de CIG-Servizos desmentiu ademais o comunicado pagado por Urbaser e que foi publicado este sábado, coincidindo coa mobilización, nos xornais El Progreso e  La Voz de Galicia. “Menten cando din que o cadro de persoal amosou rebeldía desde o primeiro día por negarse a cumprir os servizos mínimos, xa que no primeiro día de folga o propio comité de folga ofreceuse a cubrir todos os servizos esenciais da cidade”.

Xunto a isto Antas asegurou que foi Urbaser quen non o permitiu e que, pasados os días, ao propio concello de Lugo non lle quedou máis remedio que contratar a Tragsa. Ademais explicou que “cando fomos coñecedores de que había puntos de risco sanitario na cidade novamente, e por escrito, reiteramos ese ofrecemento. Urbaser pensou que contratando a Tragsa ía resolver a situación da cidade pero foi o contrario. Urbaser non conta con medios e cada vez ía a peor a situación da cidade que só comezou a mellorar cando por fin aceptaron que fora o propio persoal de Urbaser quen recollera neses puntos o lixo”.

Informe da Inspección

O persoal de Urbaser agarda ter, entre o luns e o martes, o informe da Inspección de Traballo para que se constate a vulneración do dereito de folga. Carme Antes lembra que a semana pasada, con medios materiais de Lugo e con medios humanos trasladados desde Cádiz e Barcelona, e esta semana desde Madrid, “están substituíndo aos folguistas”.

Por iso anunciou que “no momento que teñamos ese informe presentaremos denuncia diante do xulgado do penal contra a dirección de Urbaser e contra o alcalde de Lugo. Porque os medios materiais que a empresa está utilizando para substituír aos traballadores en folga están sendo custodiados nunha finca municipal pola policía local, por tanto responsabilidade penal tamén para Orzoco”.

Galería de imaxes

Vídeo da manifestación